Os turistas condicionan a política sanitaria da Xunta no verán

Sanidade "tentará reforzar" no verán a asistencia nos PAC das zonas con maior presión turística de madrileños, como Sanxenxo. Di que este ano estarán dispoñibles un 88% das camas para ter "marxe de seguridade".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 30/06/2023 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, subliñou que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) "tentará reforzar" este verán a asistencia nos Puntos de Atención Continuada (PAC) das zonas máis turísticas da Comunidade.

En declaracións aos medios de comunicación, Comesaña explicou que nos centros de saúde, "nunca" se cubriron as vacacións dos médicos, xa que no verán redúcese a presión asistencial ao haber menos patoloxías respiratorias e demais enfermidades máis propias do inverno. Por iso, os profesionais collen de forma "graduada" os seus días libres para poder cubrirse os uns aos outros.

Neste sentido, explicou que son os PAC os que viven un aumento da presión, debido a que en zonas costeiras os turistas acoden alí a urxencias. Por isto, tentarase " reforzar" o número de profesionais en certas localidades, como se fará no Grove ou Sanxenxo, en función da dispoñibilidade de médicos.

O conselleiro agradeceu o traballo dos facultativos "durante todo o ano" e especialmente no verán. "Se temos posibilidade, imos reforzar", reivindicou, subliñando que o ano pasado non se puido facer pero este ano "tense a sorte" de que quizá si se poida.

O Rei emérito Juan Carlos I no Bribón, Sanxenxo
O Rei emérito Juan Carlos I no Bribón, Sanxenxo | Fonte: Gustavo de la Paz - EP

PECHE DE CAMAS

Por outra banda, preguntado polo número de camas hospitalarias dispoñibles no verán, Comesaña explicou que a media de ocupación no verán de 2022 foi do 74%, polo que este ano estarán ata o 88% dispoñibles para ter "marxe de seguridade".

A pesar disto, quixo deixar claro que o outro 12% "non estará pechado", senón que poden habilitarse en caso de facer falta. Trátase dunha estratexia xa utilizada nos últimos anos, segundo dixo, e en ningún caso foi necesario abrir camas que non estivesen xa habilitadas.

MIR

Julio García Comesaña insistiu en solicitar ao Goberno que volva abrir máis prazas MIR para Galicia e o resto de España. Ao seu xuízo, o "único" que ten que facer o Executivo central é cambiar a normativa que indica os criterios de onde se poden formar estes médicos.

Tal como explicou, en Galicia hai uns 460 centros de saúde pero só poden acoller MIR un centenar. Así, solicitou que máis instalacións poidan formar profesionais e con iso conseguir máis médicos, necesarios para o sistema.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta