Os funcionarios municipais, obxectivo de Jácome que suspende temporalmente o teletraballo

Di que o fai para mellorar a funcionalidade do consistorio e afirma que a Xunta "xa o fai".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2023 | Actualizada ás 16:21

Comparte esta noticia

O rexedor municipal de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, suspenderá temporalmente o teletraballo no Concello e promoverá unha modificación da ordenanza que o regula. O alcalde asinou unha providencia coa finalidade de que se activen "os mecanismos necesarios" para levar a cabo esta suspensión de carácter temporal, que afectará a 130 persoas que tiñan a autorización e que, nos próximos días, notificaráselle a todo o persoal municipal.

"En campaña electoral entoei o mea culpa e dixen que o maior erro como alcalde foi levar ao pleno a ordenanza do teletraballo", sostivo Pérez Jácome engadindo que, a pesar de que a normativa foi aprobada por unanimidade pola Corporación, "xa intuía que non era boa".

Nestes termos asegurou que comeza un novo mandato 2023-2027 no que se porán en marcha todos os mecanismos para suspender o teletraballo e, ao mesmo tempo, iniciarase unha modificación da ordenanza municipal para "facela moito máis obxectiva, práctica e funcional".

Os motivos nos que se basea esta decisión parten, segundo explicou o alcalde, da reorganización do novo mandato que "require presenza física" do persoal municipal, pero tamén porque aínda que "nos últimos catro anos puxemos en marcha o concello, aínda está oxidado e hai un atraso de expedientes que non se pode tolerar".

SEGUINDO Á XUNTA, DI

Así, coa suspensión do traballo e a modificación da ordenanza, considera que se "mellorará" a funcionalidade do consistorio e que, ademais, "segue a tendencia da Xunta de Galicia" onde "realmente hai unha redución do teletraballo", porque "parece que o máis eficaz en todas as organizacións, sexan privadas ou públicas, é a presenza física".

Con todo, o alcalde da terceira cidade de Galicia pon o foco nos que solicitan o teletraballo os luns e os venres, "é unha tomadura de pelo", criticou, para suliñar que "se fai para empalmar co fin de semana ou facer máis longos os fins de semana sen ter nada que ver co teletraballo".

Así as cousas, a suspensión terá carácter temporal mentres elaboran a modificación da ordenanza municipal que ten que recibir a aprobación do Pleno do Concello.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta