Por E.P. | VIGO | 30/06/2023 | Actualizada ás 18:25
A cabeza de lista do PSOE ao Congreso por Pontevedra, David Regades, puxo en valor o labor do Goberno central para fomentar o emprego na provincia e destacou as 45 novas empresas que chegaron co apoio de Zona Franca.
O tamén ex delegado do Estado no devandito Consorcio fixo balance da xestión industrial na provincial por parte do Executivo de Pedro Sánchez, explicando nunha visita a Porto do Molle que este polígono "é un exemplo do que o Goberno fixo a través de instrumentos económicos como Zona Franca, que nos últimos 5 anos foi quen de crear 45 novas empresas e xerar uns 2.000 postos de traballo".
Tal como recolle o PSOE nunha nota de prensa, Regades reivindicou outras actuacións do Goberno, como os proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica (PERTE), "que aseguran o futuro de diversos sectores industriais estratéxicos para a transformación da economía española e facela máis competitiva", grazas aos fondos europeos. "É vital que o Goberno do Estado siga presidido por Pedro Sánchez para así seguir adiante con estes proxectos, con este modelo de xeración e consolidación do emprego", reivindicou.
Na súa visita a Porto do Molle estivo acompañado polo alcalde de Nigrán, Juan González, que aplaudiu a transformación de Zona Franca nos últimos 5 anos "nunha auténtica ferramenta" para atraer empresas e xerar postos de traballo. "David Regades é garantía de que se van a defender os intereses de Nigrán e da provincia nas Cortes Xerais", sentenciou o rexedor.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.