Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/07/2023 | Actualizada ás 17:54
Os gastos derivados da aplicación e posta en marcha de medidas de prevención e control para frear os efectos provocados pola avespa velutina reducen un 20% os beneficios que xera a apicultura en Galicia pola venda de mel.
Así se desprende das conclusións do estudo do impacto económico e ecosistémico desta especie invasora orixinaria de Asia desenvolvido por persoal investigador do grupo Economía Agroalimentaria e Ambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social (Ecoagrasoc) na Escola Politécnica Superior de Enxeñeira do Campus Terra da USC.
As investigacións realizadas polos profesores de Ana Isabel García Arias e Iban Vázquez González, e a investigadora no mesmo centro universitario lugués Mariam Ferreira Golpe, que formaron parte do equipo multidisciplinar da USC integrado no proxecto Interreg Atlantic Positive (2019-2023), centráronse na análise do impacto económico e nos ecosistemas da avespa velutina.
Así, tras realizar un total de 151 enquisas a persoas dedicadas á apicultura en Galicia, estimaron que os custos de control e prevención nos que incorreron ascenden a 2,5 millóns de euros (entre 1,8 e 3,3 millóns cun intervalo de confianza do 95%), con datos referidos ao 2020.
Conforme destacou a USC nun comunicado, unha análise pormenorizada dos datos permite cifrar o custo medio sufragado polas case 5.000 persoas apicultoras en Galicia en 501 euros, unha cifra que varía por provincias, sendo a de Pontevedra a máis afectada debido ás súas condicións climatolóxicas, cun custo medio de 1.062 euros por persoa apicultora, e Lugo, a menos gravosa no período de referencia, cun gasto inferior aos 400 euros. As cifras ascenden a case 500 euros no caso de Ourense e a máis de 600 no caso da Coruña, apuntan desde o grupo Ecoagrasoc da USC.
Estas variacións, engadiron, sitúan o custo medio da loita contra a velutina na Comunidade galega en 13,35 euros por colmea durante o exercicio 2020.
O estudo está realizado no marco do proxecto Atlantic Positive, financiado nun 75% con fondos FEDER e aprobado na segunda convocatoria do programa de Cooperación territorial Interreg, Atlantic Area 2014-2020 e revela tamén que o trampeo foi o método máis estendido fronte á velutina. De feito, os gastos derivados da colocación destes dispositivos, a pesar das trampas gratuítas repartidas polas administracións, representan aproximadamente a metade dos custos asumidos polas persoas apicultoras. O custo da formación ascendeu a 64 euros por apicultor/a.
SECTOR VITIVINÍCOLA
O persoal investigador da EPS do Capus Terra da USC aproveitou este proxecto para avaliar a incidencia da avespa velutina no sector vitivinícola a través dunha enquisa a técnicos das distintas Denominacións de Orixe.
As conclusións obtidas nesta liña de investigación apuntan que esta especie invasora tivo unha presenza máis temperá no D.O. Rías Baixas, para despois estenderse de forma progresiva ao resto das zonas de produción. Os danos increméntanse cada ano que pasa e a praga ten unha maior presenza, sinalan os investigadores, que tamén destacan a relevancia das picaduras na froita, en tanto que favorecen a aparición doutras enfermidades.
Os resultados dos traballos realizados desde o grupo Ecoagrasoc da USC no marco do proxecto Atlantic Positive, liderado pola Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) e no que participaron dez institucións de España Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido, xunto con outros 20 organismos, presentaranse o 29 de agosto no congreso da Asociación Europea de Economistas Agrarios, que se celebrará en Rennes (Francia) e, unha semana despois, no Congreso Español de Economía Agroalimentaria, que terá lugar o 6 de setembro en Zaragoza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.