Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 09/07/2023 | Actualizada ás 01:39
A Xunta activou esta semana unha páxina web para garantir o acceso de toda a cidadanía á versión dixital do Atlas da Paisaxe dos Camiños Xacobeos, un documento publicado en formato papel no ano 2022 cun total de 83 ortofotos históricas e actuais que permiten comprobar a evolución pola que discorreron as diferentes rutas xacobeas ao longo dos últimos 50 anos.
O libro dixital, ademais, inclúe 241 fotografías nun volume de 770 páxinas agrupadas en 65 capítulos, unha por cada etapa das nove rutas seleccionadas: o Camiño de Inverno, a Vía da Prata, o Camiño Portugués, a Ruta do Mar de Arousa e río Ulla, o Camiño Inglés, o Camiño Norte, o Camiño Primitivo, o Camiño Francés e o Camiño de Fisterra e Muxía.
Este proxecto foi elaborado polo Instituto de Estudos do Territorio, que depende da Vicepresidencia Segunda de Ángeles Vázquez. Todos os documentos gráficos están en alta calidade e preséntanse en galego, castelán e inglés.
Precisamente este sábado, e noutra orde de cousas, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente destacou o papel que xogan a actividade cinexética e os cazadores no mantemento do "imprescindible equilibrio natural" de Galicia.
Acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, Ángeles Vázquez acudiu á celebración da primeira proba do XXV Campionato galego de caza San Huberto, que se disputa entre este sábado e domingo en Vimianzo para clasificarse á competición nacional do 23 e 24 de setembro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.