Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/07/2023 | Actualizada ás 21:00
Non haberá colpaso sanitario este verán. Desde a Xunta están convencidos de que a sanidade galega está preparada para calquera continxencia. Este xoves, o seu presidente, Alfonso Rueda, volveu insistir en que o Sergas xa planificou esta situación e todo está baixo control.
"Sempre hai un plan estival preparado porque o descanso dos profesionais sanitarios é necesario. Hai picos nos hospitais e algúns problemas puntuais pero hai xa un plan de reforzo e xa hai prazas cubertas grazas ás medidas que a Xunta tomou nos últimos meses", dixo Rueda ao ser preguntado polas críticas dos distintos profesionais da sanidade pública que denuncian que a situación non marcha como o Goberno galego di.
"Non se pode negar que haxa problemas puntuais pero, en xeral, a atención durante o verán vai ser boa", insistiu o presidente galego sobre esta cuestión. De feito, sobre as denuncias no Cunqueiro e no CHUAC por falla de camas, Rueda destacou que, a pesar de ser un momento complicado polo verán, "o 100% das camas están dispoñibles para ser utilizadas se é necesario". Polo tanto, volveu a pedir "tranquilidade".
Sobre os problemas nas revisións oncolóxicas denunciadas no CHUS, o xefe do Executivo galego mantivo que, precisamente, a oncoloxía é unha das áreas que máis mima o Sergas. "Se algo demostrou a Xunta é a absoluta prioridade en atención oncolóxica e se se dera algún caso que non sexa correcto será corrixido polo Sergas canto antes porque a oncoloxía é prioritaria", dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.