Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2023 | Actualizada ás 17:33
A creación do Bono 'Xacobeo Xove', o reforzo das actividades de promoción e internacionalización do destino Galicia e os avances na consolidación de produtos turísticos foron os principais eixos de actuación do Clúster Turismo de Galicia no último ano, unhas actividades ás que se suman o asesoramento a empresas ou aos labores de difusión e implementación da Q de calidade.
Así o expuxeron os seus responsables durante a Asemblea Xeral do Clúster celebrada na tarde deste luns en Santiago de Compostela. Representantes de entidades, consorcios e asociacións provinciais que representan a máis de 95% da industria turística de Galicia participaron na reunión do máximo órgano de decisión do Clúster, no que se fixo balance do ano 2022 e expuxéronse as liñas de actuación de 2023.
Durante o pasado ano, o Clúster fixo un esforzo no seu labor habitual de promoción, difusión e internacionalización do destino, coa súa presenza e participación en feiras, workshops e eventos, tanto a nivel nacional como internacional, ben organizados polo propio Clúster ou polas Administracións autonómica ou estatal. A nivel de promoción internacional, destacaron a participación en eventos celebrados en 11 países.
Unha das principais novidades de pasado ano foi a posta en marcha do Club de Produto 'Galicia Destino Sostible', unha iniciativa que materializa a aposta do Clúster pola sustentabilidade, integrando nunha única plataforma a oferta turística sustentable da Comunidade para pola en valor e incrementar as súas posibilidades de difusión e comercialización. Conta xa con 74 empresas adheridas e 150 produtos dispoñibles no portal galiciadestinosostible.com.
Ademais, durante o pasado ano avanzouse na consolidación doutros produtos turísticos como 'Enoturismo de Galicia', cunha campaña de captación de adegas, e da marca 'Galicia Destino Familiar'.
As medidas de promoción, difusión da Q de Calidade e o asesoramento para a súa implantación foron outras das actuacións desenvolvidas polo Clúster durante 2022, ano no que se lograron 28 novas Q en establecementos galegos.
Respecto de 2023, a principal novidade é a posta en marcha do Programa 'Xacobeo Xove' para impulsar o Camiño entre os máis novos, ofrecendo 200 euros de desconto a mozos e mozas de 18 a 30 anos que teñan o Carné Xove e queiran percorrer algunha das rutas do Camiño de Santiago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.