Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2023 | Actualizada ás 19:55
Unha explosión nun taller mecánico da rúa Doutor Teixeiro de Santiago de Compostela saldouse sen feridos, aínda que con abundantes danos materiais. Varios particulares púñanse en contacto co 112 Galicia sobre as 17,40 horas alertando de que houbera unha forte explosión nun taller situado á altura do número 31 desta céntrica rúa do Ensanche compostelán.
Ata o lugar desprazáronse axentes da Policía Nacional e da Policía Local, así como os Bombeiros da cidade, que extinguiron o lume provocado pola explosión que, segundo fontes do 112 consultadas por Europa Press, ocasionou o incendio dun vehículo no interior do local.
Tamén acudiron ao momento os servizos sanitarios, aínda que, tal e como apuntan estas mesmas fontes, ningunha persoa resultou ferida por mor da explosión. No taller atopábanse traballando dous operarios.
O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, que se desprazou ao lugar do incidente, sinalou que a Policía Científica e os Bombeiros traballan para coñecer as causas, aínda que cre que "levará un tempo saber que pasou", xa que "non hai cheiros de gas que poidan dar unha pista" nin tampouco "puntos térmicos que indiquen a orixe da explosión".
En todo caso, o edil asegurou que o interior do taller quedou "en moi mal estado" e sinalou que a explosión provocou "un pequeno lume", pero "non foi o lume o que xerou a explosión". Con todo, fontes da investigación apuntaron que o estalido puido ter a súa orixe nun compresor, xa que os bombeiros non detectaron ningún tipo de gas. Efectivos do corpo de bombeiros tamén revisou a fachada do edificio no que se sitúa o taller para comprobar que non se viu afectada.
DOUS TRABALLADORES ILESOS
No taller afectado traballaban á hora do suceso dous operarios, que resultaron ilesos. Ambos escoitaron unha explosión e a continuación viron como caía o tellado da parte traseira do local e precipitábase encima de varios coches.
Así mesmo, en declaracións a Europa Press, a responsable dunha tenda situada á beira do taller asegurou que sentiron "unha explosión moi forte" que fixo que caese un foco do seu establecemento.
Ademais, comentou que tamén viron como unha porta do local "saía disparada". En locais próximos ao lugar do incidente, a explosión tamén provocou a rotura de cristais, como foi o caso dun baixo situado en fronte do taller.
Para facilitar os labores dos servizos de emerxencias, a rúa Doutor Teixeiro permanece cortada á altura do cruzamento con República do Salvador desde a rúa do Hórreo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.