Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2023 | Actualizada ás 16:37
A liña de autobús da Xunta para persoal sanitario do Hospital Clínico de Santiago e do Hospital de Conxo, que parte todos os días desde Lalín, suma desde este luns dúas novas paradas: Boqueixón e Vedra.
Segundo trasladou a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, o autobús fará parada en Lestedo e na Gándara para reforzar a atención das localidades intermedias na liña que se puxo en marcha o pasado 17 de xuño.
As novas paradas sitúanse no itinerario que realiza esta liña pola estrada N-525, polo que esta mellora no servizo "non supón un aumento da duración total da viaxe para os usuarios, que se mantén en 1 hora e 10 minutos".
A liña Lalín-Hospital de Conxo está operativa todos os días da semana durante todo o ano e conta con seis expedicións, tres de ida e tres de volta, con frecuencias distribuídas en horario de mañá, tarde e noite.
Para acudir ao hospital, o servizo de autobús sae da estación de autobuses de Lalín ás 06.35, ás 13.35 e ás 20.35 horas. Para retornar aos seus fogares, os usuarios dispoñen de servizos que inician percorrido no Hospital de Conxo ás 08.15, ás 15.15 e ás 22.15 horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.