Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2023 | Actualizada ás 12:17
O gasto da Xunta en persoal eventual de gabinete subiu un 6,4% en 2021 respecto ao ano anterior, o que supón un punto máis que o 4,9% de incremento de gasto no caso de funcionarios.
Así figura no informe do Consello de Contas sobre a Conta Xeral de 2021, onde se observa que a Xunta gastou nese exercicio un total de 6,9 millóns de euros en persoal eventual de gabinete, por encima dos 6,5 millóns de euros destinados a este fin en 2020.
No tocante a altos cargos e delegados, o Goberno galego destinou en 2021 un total de 7,8 millóns de euros, un 5,26% máis que en 2020.
Para o global de gasto de persoal da Administración galega destináronse 2.329 millóns en 2021, un 5,16% máis --dentro do cal se atopan 1.625 millóns en funcionarios (+4,9%)--. Contas indica que este avance reflicte o incremento retributivo previsto na normativa básica estatal, así como o aumento derivado da creación de prazas e a alza de contratacións no ámbito sanitario e educativo para facer fronte á pandemia.
En cambio, nos datos publicados polo Consello de Contas obsérvanse baixadas de gastos en persoal laboral fixo (-0,28%) e temporal indefinido (-0,03%), entre outros.
A taxa de temporalidade sitúase en 2021 no 28,68%, medio punto por baixo do 29,2% que supuña en 2020. Por colectivos, as maiores taxas de temporais está están nos laborais (53,3%) e nos estatutarios (35,7%).
CAÍDA DE DOCENTES
A Administración galega pechou 2021 cun total de 88.964 efectivos, o que se traduce nunha caída do 3% respecto de 2020. Este descenso explícase polo descenso de case 3.000 docentes non universitarios (-8,2%), que baixan de 35.172 en 2020 --ano de inicio da pandemia no houbo un reforzo-- a 32.282 en 2021.
Contrasta esta caída de docentes en 2021 co aumento de altos cargos (soben de 89 a 95) e a subida de persoal eventual (de 181 a 189).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.