Música tradicional e Récord Guinness Mundial en Verín

As 'III Xornadas de Música Tradicional Nova Era' enchen as rúas de Verín de actividades para todos os públicos. No transcurso das mesmas acadouse un record mundial coa nota máis longa tocada cun instrumento de vento, concretamente a gaita.

Por Galicia Confidencial | Verín | 05/08/2023 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Verín está a vivir catro xornadas ao redor da música de raiz ás que se sumarán máis de 50 músicos das asociacións culturais da comarca entre os días 3, 4, 5 e 6 de agosto. Cantos de Taberna, foliadas, visitas aos centros de maiores, actividades para a cativada, un concerto da Banda de Gaitas Nova Era e un intento de novo World Record Guinness son algunhas das propostas.

Álvaro Isaac Rúa, novo World Record Guinness Mundial. Foto: Prensa Concello de Verín.
Álvaro Isaac Rúa, novo World Record Guinness Mundial. Foto: Prensa Concello de Verín.

A Banda de Gaitas Nova Era impulsa a III edición das "Xornadas de Música Tradicional Nova Era", un evento que pretende dinamizar a axenda de Verín con actividades ao redor da música tradicional e popular galega. Unha oportunidade que conta co apoio do Concello de Verín e do tecido hostaleiro da vila.

RECORD MUNDIAL CON GAITA

O verinés Álvaro Isaac Rúa Manso fixo historia o pasado xoves 3 de agosto ao acadar o novo World Record Guinness Mundial por tocar a nota máis longa cun instrumento de vento, concretamente cunha gaita galega. Este logro tivo lugar no Auditorio Municipal, onde o músico verinés demostrou a súa gran destreza musical.

Para romper este récord mundial, Álvaro Rúa decidiu utilizar o noso instrumento máis senlleiro, a gaita galega. Non obstante, o camiño cara ao récord non foi sinxelo. As normas impostas pola entidade Guinness son extremadamente estritas, o que requiriu a presenza de varios técnicos para a cronometraxe e especialistas en son, entre outros, que actuaron como testemuñas para validar o intento.

Tamén como observadora e anfitrioa estivo presente a concelleira de Cultura, Samanta Barreira, quen despois de felicitar a Álvaro Rúa polo seu gran logro declarou que "o record acadado por Álvaro é unha clara mostra do noso gran talento local e, por suposto, da riqueza musical de Galicia e a grandeza da gaita galega como un instrumento musical único e versátil".

Desde unha perspectiva técnica, o desafío radicou en manter un mínimo de 80 decibelios constantes cun son estable durante todo o tempo, "o que representa unha tarefa sumamente complexa", explicou Álvaro Rúa. O record anterior (1 min 23.04 seg.) estaba en mans dun músico da India, quen o conseguiu tocando un corno tradicional do seu país, sendo superado hoxe polo músico verinés cunha duración final de 13 min 26.95 seg.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta