O PSdeG esixe á Xunta "contundencia" e reforzar a prevención ante a "escalada de casos de violencia machista"

Noa Díaz defenderá iniciativas parlamentarias centradas en reforzar o ámbito educativo e a sensibilización "de toda a sociedade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2023 | Actualizada ás 15:43

Comparte esta noticia

A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Noa Díaz, esixiu este mércores á Xunta que actúe "con contundencia" e reforce a prevención, abandonando "posturas mornas" ante "a escalada de casos de violencia machista".

A deputada socialista rexistrou unha batería de iniciativas para instar á Xunta a tomar medidas urxentes fronte á violencia contra as mulleres, especialmente centradas en reforzar o ámbito educativo e "a sensibilización de toda a sociedade" ante o que considera "unha escalada de violencia machista sen precedentes" que esixe non permanecer "pasivos".

Este "incremento horrible da violencia sexual" e as 34 mulleres asasinadas no que vai de ano, preocupan especialmente a Díaz, quen destaca que vítimas e agresores son "cada vez dunha idade menor". Por iso, convidou á reflexión conxunta e pediu pór "todos os medios ao alcance, non xa para atender a estas vítimas, senón para evitar que ningunha outra muller o sexa".

Díaz esgrimiu que neste 2023 en Galicia "sufríronse tamén dous feminicidios e un incremento da violencia de xénero", así como un aumento do número de casos de violencia sexual "moi preocupante", sendo que "todos os indicadores apuntan a que a situación, lonxe de mellorar, está a empeorar".

ACTUACIÓN "CONTUNDENTE"

Ante esta fotografía da realidade, os socialistas consideran que "a violencia machista se combate con educación e máis educación". Por iso, Díaz esixiu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda unha actuación "contundente", que se comprometa "a sensibilizar a toda a sociedade", que incorpore a educación afectivo sexual no currículo educativo e que "rectifique e recupere a materia de igualdade de xénero, eliminada este ano de maneira inexplicable".

A deputada socialista Noa Díaz
A deputada socialista Noa Díaz | Fonte: PSdeG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta