Nesta web utilizamos cookies propias e de terceiros para prestar os nosos servizos, contabilizar as visitas, mostrarlle publicidade relacionada coas súas preferencias e integrarnos con varias redes sociais. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode consultar a nosa información detallada.
Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/08/2023 | Actualizada ás 12:36
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou a condena imposta a unha empresa galega que denegou a unha empregada fraccionar as súas vacacións en tres períodos para atender unha cita médica do seu fillo. En concreto, o alto tribunal galego considera que se vulnerou o dereito fundamental da muller á conciliación da vida persoal e laboral de forma non xustificada e avalou que a compañía a indemnice con 3.000 euros polos danos morais ocasionados.
Os feitos, segundo recolle o fallo, remóntanse ao ano 2022, cando a muller enviou un correo electrónico á súa supervisora pedíndolle fraccionar en tres partes as súas vacacións dese ano. A superior contestoulle alegando que debía cinguirse ao disposto no convenio colectivo, que establece que as vacacións poderán ser divididas en dúas quincenas. Aínda que a muller reiterou a súa petición alegando "problemas persoais", foille denegada de novo.
A sentenza recolle que o motivo desta petición é a enfermidade que padece o fillo da demandante, que o obrigaba a asistir con frecuencia ao médico. De feito, apunta, tiña unha consulta hospitalaria en Asturias en setembro e ese mesmo mes foi operado.
O CONVENIO NON O IMPIDE
Tal e como recolle o fallo, o convenio colectivo de aplicación á traballadora, de axuda a domicilio, "non impide" o fraccionamento dos períodos vacacionais, se non que establece que deben gozarse nun período de 30 días ou dous de 15 de forma xeral, "excepto acordo entre a empresa e as persoas traballadoras".
Consecuentemente, critica que non se chegase a este acordo tendo en conta que a denunciante "demostrou as razóns ou necesidades de conciliación reais", mentres que a empresa "nada probou acerca das dificultades para conceder o fraccionamento baseadas nas súas necesidades produtivas ou organizativas".
Ademais, o tribunal apunta que esta opción de fraccionamento xa fora concedida a outra traballadora e que tanto á coordinadora como á axudante de coordinación "permíteselles fraccionar as súas vacacións en máis de dous períodos porque se substitúen entre elas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.