Por Europa Press / Redacción | Ourense | 10/09/2023 | Actualizada ás 13:00
Segundo informou o Concello de Ourense a través dun comunicado, a Policía Local da cidade procedeu á detención do propietario do xornal 'La Región', Óscar Outeiriño, acusado dun presunto delito de atentado contra a autoridade, logo de darlle presuntamente unha puñada ao alcalde ourensán Gonzalo Pérez Jácome.
O mesmo Pérez Jácome denunciou os feitos diante da Policía Local, segundo informan desde o Concello. Os feitos terían sucedido cando o alcalde ourensán estaba nas proximidades do Auditorio para o concerto de Robert Plant, "achegóuseme de súpeto diante de todos, deume unha puñada e díxome: 'Ti sabes polo que é, fillo da puta!'", explicou Pérez Jácome.
Os axentes da Policía Local trasladaron ao detido, Óscar Outeiriño, á comisaría onde prestaría declaración. Pérez Jácome tamén se presentou na Comisaría de Ourense para interpoñer a conseguinte denuncia.
VERSIÓN DOS ACOMPAÑANTES DE OUTEIRIÑO
Persoas achegadas á contorna de Óscar Outeiriño, apuntan que este estaba na cola para acceder coa súa muller ao concerto de Robert Plant no Auditorio de Ourense.
Segundo estas mesmas fontes, o concelleiro do grupo municipal de Democracia Ourensana, Rafael Martínez, que acompañaba a Jácome, afirman que empezou a "acosalos" gravándoo co teléfono móbil. Outeiriño pediu que deixase de facelo, aínda que Martínez continuou. Foi entón cando tentaron apartar o teléfono, dando paso á presunta agresión. No acto estaban presentes outros representantes do Goberno local como Antonio Fernández e Francisco Lourenzo.
'La Región' apunta que Outeiriño foi detido e trasladado a dependencias policiais, aínda que a Policía Nacional, consultada por Europa Press, non verificou estes datos polo momento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.