A xuíza

Nos soportais da Praza Nova de Vitoria-Gasteiz podemos desfrutar cada mañanciña de domingo dun rastro no que se poden atopar auténticas xoias bibliográficas, procedentes ás máis das veces de esquencidas bibliotecas particulares. O outro día din cunha amarelenta separata da Seizón Folk-lórica do Seminario de Estudos Galegos, publicada na imprenta Nós d’A Coruña en 1929. O fascículo recolle o “Cancioeiro das ribeiras do Tea”, da mao de Fermín Bouza Brey e Luís Brey Bouza.

Por Xurxo Ayán | Gasteiz | 08/05/2015

Comparte esta noticia
Este foi o seu traballo de ingreso no SEG o 2 de outubro de 1928. O enciclopédico don Fermín era xa daquela moitas cousas. Esgrevio representante do neotrobadorismo, a súa angueira etnográfica levábao a esculcar na tradición oral, inspirándose en romances, cantigas e refráns. Como arqueólogo xa escaravellara con Cuevillas no barbanzón Castro Pequeno de Neixón (Boiro), no que se levou a cabo a primeira escavación arqueolóxica de carácter científico feita no noso país. Sen embargo, a profesión de Bouza Brey foi outra: a de xuíz.
 
A separata da que vos falo traía tres sorpresas dentro. De entre as páxinas esvarou unha tarxeta de visita: “Fermín Bouza Brey y Trillo, Juez de 1ª instancia e instrucción de Viella (Valle de Arán) Lérida”. A segunda bóla extra é a adicatoria autógrafa: “A D. José Miguel de Barandiarán testimonio de consideración a sus estudios folklóricos”. E a terceira unha cuartilla escrita polo aita Barandiarán no que semella un esbozo de resumo dunha revista adicada á fenomenoloxía social. Efectivamente, en 1929, don Fermín accedeu ao seu primeiro destino como xuíz no Val de Arán, ondea apenas estivo un ano antes de marchar a A Estrada. Alí seguiu comportándose coma un etnográfo de casta, estudando diferentes manifestacións do folklore local. A súa achega á realidade pirenaica incentivou o seu interés na investigación desenvolta polo pai da Prehistoria e a Etnografía bascas, o Padre Barandiarán. Como ten demostrado Alfonso Mato, o Seminario de Estudos Galegos tiña estreitos vencellos e sustentaba un nutrido intercambio científico con entidades bascas irmás como a Sociedade de Estudos Bascos.
 
A carreira xudicial de Don Fermín foi estudada de vagar por Clodio González Pérez quen sinala os riscos que asumiu tralo golpe de Estado de xullo de 1936: prestou el mesmo declaración a prol de varios detidos, e encausou a outros evitando por todos os medios que se lles aplicase a lei militar. No punto de mira dos falanxistas, Bouza Brey viu como o seu pai, tenente-alcalde de Vilagarcía, era obrigado a pagar unha multa de 100.000 pesetas, e o seu irmao Luís (coautor da antedita separata) era enviado ao campo de concentración da illa de San Simón. Comeza aquí a paseniña pero efeitiva persecución deste home. O seu pasado galeguista, a súa participación en actos culturais en Arxentina, as acusacións de homosexualidade e as envexas de xuíces franquistas fan o seu traballo e Fermín Bouza é apartado da carreira xudicial para sempre en 1955.
 
Un dos aspectos máis indignos e nefastos dos estados totalitarios é o papel xogado pola xudicatura. Malia o proceso de desnazificación en Alemaña tras 1945, moitos xuíces nazis proseguiron o seu quefacer na RFA. A xudicatura franquista entrou na democracia até copar cargos e prebendas no Poder Xudicial.
 
Un dos aspectos máis indignos e nefastos da España democrática corrupta e ultra é a persecución aos xuíces e xuízas que aínda cren na independencia xudicial e na dignidade humana. Os aparatos deste Estado todavía franquista en moitas cousas encárganse de depurar, apartar ou exiliar a xuíces e xuízas que loitan contra a inxustiza, xa for encausando unha infanta, un torturador, un exministro franquista, Chaves ou Griñán. Xa hai apostas sobre que vai ser do futuro profesional da xuíza de Almazán (Soria), que abriu dilixencias para investigar o asasinato por falanxistas de 10 republicanos civís o 14 de agosto de 1936. Esta muller é a instigadora da única causa aberta en España a día de hoxe contra os crimes do franquismo. Chámase María Luísa García, unha muller decidida a camiñar pola corredoira aberta por compañeiros de profesión como Fermín Bouza Brey, un home, un xuíz que pagou moi cara a súa humanidade.
 
Como reza a cantiga 86 recolleita no Cancioeiro do Tea:
 
“Olvidácheme por probe,
 
i-eu por rico che deixei;
 
vale mais probe con honra
 
que rico de mala ley”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA