Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 11/09/2023 | Actualizada ás 21:07
Un turismo e un camión de bombonas de butano chocaron este luns no Saviñao. Os bombeiros tiveron que liberar a dúas persoas tras o impacto.
Mentres que algunhas bombonas quedaron espalladas pola beiravía sen que houbese fugas. Ademais, segundo recolle o 112, tamén quedaron bastantes restos do choque na estrada, a LU-533, no Saviñao, e a circulación viuse afectada.
O 112 Galicia tivo coñecemento pouco antes das 19.00 horas por parte dunha das persoas que viaxaba no vehículo, a cal indicou que había feridos e que se vían incapaces de saír do vehículo.
EXCARCERADAS DÚAS PERSOAS
Finalmente, os Bombeiros de Chantada excarceraron só a un dos tres ocupantes do turismo e ao condutor do camión. Todos estaban conscientes e esperaban a asistencia dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Tamén foron necesarios medios para a limpeza da vía, pois había moitos restos provocados polo impacto, e a carga do camión, bombonas de butano, tamén sufriu danos.
Para a retitada e limpeza dos danos, solicitouse desde o 112 Galicia a axuda do persoal da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia.
No operativo tamén participaron os voluntarios de Protección Civil da localidade e os axentes da Garda Civil de Tráfico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.