Curtocircuíto celebra o seu 20º aniversario con máis do 50% de filmes dirixidos por mulleres

No seu 20 aniversario, o festival vén cargado de novidades, tamén na organización do propio contido como a nova sección Cosmos, unha mestura das anteriores Penínsulas, Explora e Radar.

Por E.P. | Santiago | 26/09/2023 | Actualizada ás 18:42

Comparte esta noticia

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto celebra o seu vixésimo aniversario cun programa "comprometido coa igualdade e cunha ampla representación internacional", con cintas de máis de 16 países e con máis do 50% das películas participantes dirixidas por mulleres.

Así, entre o 3 e o 8 de outubro, despregarase unha ampla selección con 49 filmes a competición procedentes de 16 países, que foron seleccionados entre as máis de 2.000 películas que se presentaron a esta última edición para competir na Sección Oficial Cosmos, en Planeta GZ e Supernova.

Estes foron algúns dos datos que se deron este martes na rolda de prensa de presentación do festival, na que participaron a concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago deCompostela, Miriam Louzao; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividad González, e o director artístico de Curtocircuíto, Pela do Álamo.

Entre as novidades, está a participación do fotógrafo francés Antoine D'Agata e a cineasta catalá Elena Martín Gimeno. Antoine D'Agata presentará en Curtocircuíto o seu filme Atlas, unha proxección sobre como o fotógrafo marsellés "traza un delicado fío entre a súa vida e a súa obra e como aborda a linguaxe cinematográfica desde a práctica fotográfica".

Antoine D'Agata (Marsella, 1961) é un reputado fotógrafo membro da Axencia Magnum desde o 2004. Estudou fotografía baixo a tutela de Nan Goldin e Larry Clark no Centro Internacional de Fotografía de Nova York. D'Agata publicou máis dunha decena de libros e cinco películas.

A outra gran protagonista da tempada é Elena Martín Gimeno (Barcelona, 1992), directora, guionista e intérprete que vén de estrear Creatura, un filme sobre a represión do desexo feminino que xa se alzou como gañadora do premio á mellor película europea na Quincena de Cineastas de Cannes. A directora atoparase en Curtocircuíto co público galego e abordará nun coloquio a feminidade e o conflito da muller coa súa propia sexualidade.

Ademais, Martín Gimeno tamén disporá dunha "carta branca", tal e como a definiu o director artístico, para programar unha sesión especial na que proxectará o traballo doutras compañeiras para, a partir desta selección, "reflexionar sobre as súas orixes cinematográficas e como se conformou a súa identidade como creadora". Elena Martín iniciou a súa carreira como protagonista da película 'As amigas de Ágata' (2015) antes de graduarse en Comunicación Audiovisual en 2016 na Universidade Pompeu Fabra.

O seu traballo sempre se articulou entre o cinema e o teatro experimental, entre a interpretación e a dirección. O seu primeiro traballo como directora chegou en 2017 con Júlia ist (2017) e destacaespecialmente o seu papel protagonista no multipremiado curto Suc de Síndria (2019).

SECCIÓN COSMOS

No seu 20 aniversario, o festival vén cargado de novidades, tamén na organización do propio contido, tal e como detallou Álamo. A maior mostra diso é a nova sección Cosmos, unha mestura das anteriores Penínsulas, Explora e Radar.

O obxectivo, explicou, é "romper as barreiras territoriais e de xéneros, romper o estigma do experimental como raro ou complicado". "O experimental é xogo", defendeu, engadindo ademais que con esta nova sección ponse "ao mesmo nivel" todas as propostas, "o deber moral dos festivais".

PROXECCIÓN DE 'O CORNO'

O pistoletazo de saída a esta nova edición darao a estrea en Galicia da película O Corno, de Jaione Camborda, que chegará directamente da súa estrea estatal na Sección Oficial do Festival Internacional de Cinema de San Sebastián e no Festival Internacional de Cinema de Toronto --onde foi a primeira película española que competiu enla sección Platform--.

O filme é o primeiro de produción galega e en lingua galega que aspira á Cuncha de Ouro. Tal e como explicou o director artístico de Curtocircuíto, Pela do Álamo, é "un orgullo" que o festival conte con esta estrea galega e reafirma o seu "interese por manter un espazo de visibilidade e de apoio para o cinema realizado en Galicia".

SHOWS E ACTIVIDADES ESPECIAIS

O programa presenta un cartel de shows AV encabezado por Panda Bear & Sonic Boom e Neno de Elxe. Outro dos pratos fortes deste ano é a estrea mundial da performance de José Venditti e a galega Marta Verde, Espectro dourado AV. A ucraína Katarina Gryvul xunto ao artista visual peruano Alex Guevara e Rapapawn con Pantis completan o cartel de espectáculos audiovisuais desta edición.

Un ano máis, o programa inclúe varios encontros e mesas redondas entre destacados profesionais de distintos ámbitos. Ramón Andrés, María Sánchez, Elena López Rise, Pedro Maia, Anneke Necro, Rapapawn e Neno de Elxe son algúns dos nomes que participarán no ciclo de charlas desta vixésima edición.

Outra das grandes novidades desta edición é que, tras varios anos, Curtocircuíto recupera a Noite Malandra, "un torrente de sátira e humor", da man nesta ocasión dun do colectivo Mediadistancia.

TRIBUTO A ROBERTO VIDAL BOLAÑO

Nesta edición tamén se renova a colaboración co Cineclube de Santiago para "recuperar o patrimonio inmaterial da ciudadcompostelana e de Galicia". Así, lanzan a sección paralela na que se vai a render tributo á figura do dramaturgo, director de escena e actor Roberto Vidal Bolaño, "cuxa vida e obra están intimamente ligadas á historia cultural de Santiago".

O festival tamén lanza #OutraCompostela, unha actividade que busca educar ao redor do cinema, e que en colaboración coa Universidade deSantiago de Compostela, co apoio de Santiago Turismo e de Santiago de Compostela Filme Commision, lanzan un concurso universitario que se desenvolverá a través das redes sociais.

A este respecto, a concelleira de Capital Cultural destacou esta colaboración entre entidades e cualificou de "clave" traballar "por novos públicos en diferentes sectores e propostas culturais para facer cidade". Os máis pequenos tamén terán o seu espazo para gozar do cinema en Curtocircuíto coas seccións Teenage Riot e Criaturas, nas que se realizou unha selección de filmes en función das súas idades.

Finalmente, destaca a sesión especial Terra, dedicada este ano a Arancha Brandón, artista visual e fotógrafa procedente da Guarda, "un dos novos talentos máis destacados do panorama galego e cuxo traballo abarca desde o cinema ata a experimentación visual". A residencia de Curtocircuíto tamén está dedicada nesta edición a esta cineasta e fotógrafa.

VALORACIÓN DESTES 20 ANOS

Pela do Álamo tamén fixo unha valoración dos 20 anos de vida do festival, cunha lectura "moi positiva" non só pola cantidade de nomes que "obxectivamente pon ao festival nun lugar no que nunca soñariamos", senón tamén por conseguir ser un dos "grans de area" que "dan identidade a Compostela", "mesturarse coa propia cidade".

Pola súa banda, Jacobo Sutil sinalou que Curtocircuito é unha das 11 citas beneficiarias das subvencións a festivais audiovisuais, liña de axudas á que a Consellería de Cultura,Educación destina 225.000 euros.Sutil celebrou a continuidade dun festival que ten "un claro papel protagonista" no audiovisual galego, papel que desenvolve con "responsabilidade e compromiso cara á creación cinematográfica galega".

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; a concelleira de Capital Cultural de Santiago, Miriam Louzao; e o director artístico do festival, Pela do Álamo. CURTOCIRCUÍTO
A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; a concelleira de Capital Cultural de Santiago, Miriam Louzao; e o director artístico do festival, Pela do Álamo. CURTOCIRCUÍTO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta