Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2023 | Actualizada ás 12:00
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou o compromiso do Goberno para "garantir a continuidade da actividade industrial e o mantemento dos postos de traballo" na factoría de Celsa Atlantic na Laracha.
Ademais, solicita que sexan adoptadas todas as medidas necesarias, incluídas as axudas económicas dos Perte, para o crecemento da Laracha no futuro próximo.
O Ministerio de Industria fixo pública unha aclaración respecto da operación de conversión da débeda en capital no caso de que Celsa, pola que os acredores da siderúrxica faranse co control da empresa, na que sinalaba que esta operación require da autorización por parte do Consello de Ministros.
Isto significa que o órgano do Goberno terá a potestade para autorizar ou rexeitar a toma do control do total do capital e a reestruturación do Grupo Celsa Atlantic, empresa que conta cunha planta na Laracha en que oprean, entre traballadores directos e indirectos, unhas 190 persoas.
A organización nacionalista demanda o compromiso do Goberno do Estado para que garanta a continuidade da actividade industrial no centro de traballo e, conxuntamente, co resto de partes implicadas, chéguese a unha solución. "Os traballadores non poden ser as vítimas de manobras especulativas por parte dos acredores e os fondos, que buscarán o máximo rendemento aínda que iso supoña pór en risco o futuro laboral e industrial da factoría", sinalou o deputado do BNG.
CRÍTICAS A ABEL CABALLERO
Por outra banda, o grupo municipal do BNG de Vigo esixiu este mércores ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que "non volva tentar estafar aos vigueses con datos inventados" sobre o retorno económico da campaña de Nadal, tras constatar que ese suposto retorno de máis de mil millóns de euros do que presume o rexedor non casa cos datos de recadación tributaria e as cifras de emprego no sector servizos durante eses meses.
Nun comunicado remitido aos medios, o portavoz do grupo nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, lembrou que o alcalde "se atreveu a dicir que o Nadal era a principal industria da cidade", un "absoluto disparate" por parte de Caballero, que non achegou "nin datos oficiais, nin informes técnicos nin ningún indicador obxetivable" que o avalase.
Pérez Igrexas denunciou que o goberno local utiliza ese suposto movemento económico para "xustificar" a "imposición" dun modelo de campaña do Nadal que, durante tres meses, "reduce a cidade a un parque temático inhabitable e inseguro". "A cifra de mil millóns de euros de retorno só existe na cabeza do alcalde", constatou o edil do BNG.
Respecto diso, explicou que, segundo os datos desagregados de recadación do IVE feitos públicos pola Axencia Tributaria, nos meses de novembro de 2022 a xaneiro de 2023, esa recadación baixou un 7,37 % con respecto ao Nadal anterior. Así mesmo, engadiu, as cifras de desemprego reflicten que, en novembro e decembro creáronse só 192 empregos no sector servizos, mentres que xaneiro acabou con 195 empregos menos.
Segundo sinalou Pérez Igrexas, "un catedrático de Economía" como Abel Caballero é "perfectamente consciente" de que un retorno económico de mil millóns de euros tería que ter reflexo tanto na recadación impositiva como na creación de postos de traballo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.