Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2023 | Actualizada ás 11:11
Galicia rexistrou a constitución de 283 sociedades mercantís en agosto, o que supón un 18,4 % máis que no mesmo mes do ano anterior, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados este martes. Este incremento é case sete puntos superior ao aumento do 11,8 % da media española. A alza de Galicia é a quinta maior entre autonomías, con Estremadura á cabeza (+ 28,8 %). No outro extremo, Cantabria esborrállase un 42,6 %.
Estas 283 empresas creadas supoñen a mellor cifra nun mes de agosto desde 2017, por entón rozáronse as 300 compañías constituídas na comunidade, segundo os datos do INE. O capital subscrito e desembolsado supera os 8,4 millóns para a creación das empresas galegas en agosto. Case a totalidade foron SL (280) e só tres SA.
No tocante ás disolucións, a comunidade galega anótase 55 no oitavo mes, un 32,1 % menos que un ano antes. É o segundo maior descenso entre autonomías e supón unha caída moito máis acusada que o 13,5 % de retroceso da media estatal. Ademais, 83 compañías ampliaron capital en agosto, por un montante de 31,3 millóns. En cambio, 27 reduciron capital, neste caso por 5 millóns de euros.
DATOS DE ESPAÑA
O número de novas sociedades mercantís subiu en España un 11,8 % o pasado mes de agosto respecto ao mesmo mes de 2022, ata sumar un total de 6.609 empresas, a súa maior cifra nun mes de agosto desde 2007. Co repunte de agosto, máis de 3,5 puntos inferior ao rexistrado en xullo, a creación de empresas encadea oito meses consecutivos de ascensos interanuais.
Para a constitución das 6.609 empresas creadas o pasado mes de agosto subscribíronse algo máis de 1.625 millóns de euros, o que supón case seis veces máis que en igual mes do ano pasado (+ 488,5 %), mentres que o capital medio subscrito, que se situou en 245.990 euros, disparouse un 426,3 % interanual.
Á vez que subiu a creación de sociedades, baixou a disolución de empresas en agosto, un 13,5 % respecto ao mesmo mes de 2022, ata un total de 1.349. Deste xeito, cada día do mes de agosto 44 empresas pecharon as súas portas en España. Nos oito primeiros meses do ano creáronse un 11,3 % máis de empresas que no mesmo período de 2022.
Pola súa banda, o número de sociedades disoltas reduciuse un 1,3 % ata agosto. En termos mensuais (agosto sobre xullo), a constitución de novas empresas esborrallouse un 20,3 %, a súa maior caída mensual nun mes de agosto desde 2021, mentres que as disolucións baixaron un 4 %, o seu menor descenso neste mes en polo menos cinco anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.