Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2023 | Actualizada ás 17:35
Os alcaldes de Sanxenxo, Telmo Martín, e de Poio, Ángel Moldes, propuxeron a construción dun novo viario para "aliviar o tráfico" entre ambos os municipios. Ambos os rexedores fixeron este anuncio este venres nunha comparecencia conxunta no lugar da Granxa, o límite polo que se comunican ambos os concellos pola franxa litoral.
A idea é darlle continuidade ao actual viario de Poio que transcorre pola parroquia de Raxó, a rúa Ramón Aciñeiras, o que permitiría seguir o trazado pola Granxa de Abaixo cun novo viario que, segundo defenderon, "melloraría a conectividade e a seguridade viaria". Este novo tramo de estrada tería unha lonxitude de 210 metros e unha pendente de entre o 9 e o 10%.
O Concello de Sanxenxo levará a un pleno extraordinario o vindeiro xoves 19 de outubro a suspensión de licenzas na zona afectada da Granxa de Abaixo. A medida terá unha duración dun ano, tempo que o alcalde estima "suficiente" para realizar o estudo deste novo viario de comunicación.
Para Telmo Martín esta actuación "é unha demanda veciñal xusta", pero advirte de que "require un estudo previo" para a elaboración e aprobación dun instrumento de plan urbanístico "que resolva a conexión entre ambos os concellos de forma adecuada".
Pola súa banda, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, recoñeceu que "é un tema complexo, porque aínda que beneficia a Poio é unha actuación que se ten que dar no Concello de Sanxenxo". Para Moldes, a conexión deste viario con Sanxenxo, por toda a fachada litoral, é "imprescindible" e suporá "aumentar a calidade de vida dos residentes nestas zonas".
Ambos os alcaldes coincidiron no carácter supramunicipal da actuación que requirirá o apoio doutras administracións, pero insistiu na "necesidade" desta mellora na comunicación de ambos os municipios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.