Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2023 | Actualizada ás 14:21
O portavoz do BNG na Deputación, César Mosquera, acusou este xoves ao novo goberno provincial de eliminar os plans Ágora de Mobilidade e o Revitaliza de residuos "deixándoos vegetar sen diñeiro e sen impulso".
Segundo desvelou o exvicepresidente da Deputación nunha rolda de prensa, a modificación de crédito que se aprobará este venres no Pleno provincial destinará "ata o último céntimo" dos case 2,3 millóns de euros dispoñibles en ambos os proxectos a outras actuacións, entre elas o Plan de Infraestruturas Deportivas.
Ademais, no caso do Revitaliza tampouco se cubriu a baixa por xubilación do director do programa, Carlos Pérez. "Cárganse os dous programas máis exitosos que había cos concellos", lamentou Mosquera sobre estes plans da Deputación de Pontevedra "recoñecidos externa e internamente" e que "funcionaban sen grandes problemas e tiñan éxito e aceptación administrativa e social". "É unha realidade que non logro entender", manifestou Mosquera.
O portavoz do Bloque na Deputación subliñou que "non hai posible xustificación" para retirar o financiamento a ambos os programas, e deixar aos concellos este ano sen as axudas para a redacción de proxectos de mobilidade e as axudas para compostaxe.
"Vese que triunfou a liña da Executiva do PP que quería oporse e rebentar isto, e que tiña o seu símbolo máis claro en Domínguez subido ao compostero co pico", dixo o deputado do BNG en referencia ao actual vicepresidente Rafa Domínguez.
Por último, César Mosquera recoñeceu que a eliminación de ambos os programas "non é algo tan bruto como a paralización do Museo, pero quitan o financiamento e deixan que esmorezan", finalizou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.