Por Galicia Confidencial | MADRID | 30/10/2023 | Actualizada ás 21:38
O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, presidiu este luns o acto con motivo do Día de Recordo e Homenaxe a todas as vítimas do golpe militar, a guerra e a ditadura. Un acto no que, xunto co ministro da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática en funcións, Félix Bolaños, fixeron entrega dunha vintena de Declaracións de reparación e recoñecemento persoal, entre elas, a de Alfonso Rodríguez Castelao.
A Lei de Memoria Democrática establece o 31 de outubro como o Día de recordo e homenaxe a todas as vítimas do golpe de estado de 1936, a posterior guerra e a ditadura franquista, porque é a data de 1978 en que se aprobou a Constitución española, e a data de 2007 en que se aprobou a Lei de Memoria Histórica. Ao coincidir este ano coa sesión conxunta das Cortes Xerais na que a Princesa de Asturias xurará a Constitución, o acto adiantouse ao luns.
PERSOAS RECOÑECIDAS
Entre as persoas recoñecidas polo Goberno central están Alfonso Rodríguez Castelao, ensaísta, novelista, dramaturgo, debuxante, médico e político. "É considerado un dos pais do nacionalismo e da narrativa en galego", indican desde o Executivo central que lembra que escribiu en numerosas publicacións antes de ser elixido deputado en Cortes na II República, primeiro como galeguista independente e logo pola Fronte Popular. Tamén destaca que en Buenos Aires impulsou o Consello de Galicia e formou parte do goberno republicano no exilio. A súa obra foi declarada Ben de Interese Cultural inmaterial.
Ademais tamén foron recoñecidos outros intelectuais vascos e cataláns, entre eles, Gabriel Aresti Segurola, e Salvador Esrpiu i Castellón. Aresti Segurola foi un dos escritores en eúscaro máis importantes do século XX, referente da "literatura social" e tradutor ao eúscaro desde o castelán, o inglés e o galego. A súa casa foi rexistrada varias veces e sufriu a fustrigación da policía franquista. Membro da Academia da Lingua Vasca, defendeu activamente a creación do "euskara batua" ou eúscaro común unificado.
Salvador Espriu i Castelló, poeta, dramaturgo e novelista, é un dos grandes renovadores da prosa en catalán. A morte do seu pai obrigoulle a traballar durante anos nunha notaría, ocupación que compaxinou cunha prolífica produción literaria, caracterizada pola súa complexidade temática. En 1966 foi detido e multado pola súa participación na 'Capuchinada'. Recibiu o Premio de Honra das Letras Catalás e foi candidato ao Nobel de Literatura.
OUTROS HOMENAXEADOS
Tamén foron homenaxeados, Manuel e Miguel Deza García, panadeiros e sindicalistas, morto nun enfrontamento coa Garda Civil; María Teresa León Goyri intelectual e escritora da Xeración do 27; Nicolás Sánchez-Albornoz e Aboin, historiador e profesor; Conchita Grangé Beleta, que sendo moi nova participou na Resistencia francesa contra os nazis durante a II Guerra Mundial, torturada pola Gestapo e trasladada ao campo de concentración de Ravensbrück ou Pedro Rico López foi avogado, deputado nas Cortes da II República e alcalde de Madrid.
Ademais foron destacados Manuela Saborido Muñoz, artista do espectáculo e referente da loita do colectivo Lgtbi; José Luís López Aranguren, catedrático, filósofo e ensaísta, vinculado durante a guerra á beira franquista, a súa posición vital foi evolucionando a unha actitude pública de oposición ao réxime e apartado da súa cátedra en 1965 por participar nunha protesta de profesores e estudantes; Vitoria Pujolar Amat, de familia republicana e exiliouse cos seus pais a Francia, regresando en 1944 para unirse á resistencia comunista do interior do país e detida en Barcelona, torturada en comisaría e encerrada no cárcere de Lles Corts.
Outros dos homenaxeados son José Ignacio Domínguez, tenente coronel do Exército do Aire, avogado e piloto e un dos fundadores da Unión Militar Democrática; José Luís Demaría López, fotógrafo, xornalista e empresario asasinado en setembro de 1936; Francisco Rocafull Román, presidente da Asociación Valencia Provincia-SOS Bebés Roubados; Jesús Requejo San Román, avogado, rexistrador da propiedade e político e membro de Comunión Tradicionalista sendo asasinado en 1936 xunto ao seu fillo; María del Mar Sánchez Bergua, Gran Mestra da Gran Logia Masónica Feminina Española e Cristina Almeida Castro, avogada laboralista e política, letrada da defensa no 'Proceso 1001".
Alberto Núñez Feijóo, nin ningún membro do seu partido declinou acudir a este evento a pesar de ser convidados polo Goberno.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.