BNG denuncia o "incumprimento deliberado" da Xunta no control das vivendas turísticas

A deputada Alexandra Fernández acusa ao Goberno galego de fomentar o descontrol para permitir o aumento dos pisos turísticos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/02/2025 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

O BNG denunciou o "incumprimento deliberado" da Xunta coa súa tarefa de control das vivendas de uso turístico (VUT) co obxectivo de "favorecer que sigan aumentando". Así o fixo a deputada do BNG Alexandra Fernández que alertou de que o Executivo galego "recoñeceu que o seu rexistro carece de validez" debido á súa "política de descontrol absoluto".

"Xa denunciamos que a situación do rexistro da Xunta é de absoluto descontrol e agora dannos a razón, ao recoñecer, nun escrito ao concello de Santiago que non dá resposta ao requirimento enviado en decembro, que o seu propio rexistro autonómico carece de validez", remarcou Fernández. Neste sentido, o BNG criticou que a Xunta "recoñece" que a inscrición dun piso turístico no rexistro "non implica" que sexa legal, porque "o descontrol é absoluto".

Neste sentido, a portavoz de vivenda do BNG lembrou que denunciaron o "incumprimento deliberado" do Executivo galego na súa tarefa de control deste tipo de pisos, ao aplicar unha política que "consiste en rexistrar todas as solicitudes".

Todo iso, engadiron, para "favorecer" que cada vez "máis propietarios" destinen as vivendas á actividade turística, antes que ao aluguer habitual. Desta forma, o BNG volverá pedir explicacións no Parlamento galego e reclamará á Xunta que "poña fin" a esta forma de funcionar que, "de xeito evidente", é "neglixente e deliberada". "A situación corrixiríase esixindo e verificando que os propietarios conten co correspondente título habilitante municipal para tramitar o alta", aclarou Alexandra Fernández.

A deputada autonómica do BNG Alexandra Fernández.. BNG
A deputada autonómica do BNG Alexandra Fernández.. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta