Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 10/03/2025 | Actualizada ás 18:49
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, reiterou este luns na súa visita a Montevideo que Galicia, "como comunidade exportadora", ve "moitísimas máis vantaxes en Mercosur que os incovintes ou reticencias que se poden dar nalgúns sectores". "Estou convencido de que sairiamos gañando", afirmou. Alí, o líder do Goberno galego reuniuse co recentemente investido presidente de Uruguai, Yamadú Orsi, ao que trasladou o interese de Galicia en "manter as mellores relacións posibles para reforzar os vínculos entre territorios".
Nesta liña, considera Rueda que Mercosur xogará un papel fundamental. "Vemos todo o que ten que ver coa posta en funcionamento de Mercosur como unha oportunidade comercial para Galicia desde o punto de vista da exportación (...) e, para Uruguai, como porta de entrada en Europa de todas as mercadorías", sinalou. Apuntou ademais que Galicia, ao tratarse dunha rexión costeira con "excelentes portos" e estar "moi ben comunicada co resto de España e co resto de Europa", sería unha "magnífica plataforma loxística" para a entrada de mercadorías deste país cara ao continente europeo.
"Insisto en que Mercosur é unha enorme oportunidade e eu agardo que, canto antes, as últimas reticencias que poida haber nalgún país da Unión Europea se liquiden para que estea plenamente operativo", desexou, engadindo ademais que habería empresas galegas interesadas "se se establecese unha canle de libre comercio". Neste sentido, Rueda encomiou a estabilidade xurídica de Uruguai para realizar exportacións e, desde o punto de vista de Uruguai a Europa, reiterou o ofrecemento de "grandes vantaxes" en canto a disposición de solo industrial e de infraestruturas, entre outros "para establecer esa ponte para a partir de aí conectarse co resto de Europa".
A FORZA DA COMUNIDADE GALEGA
Así mesmo, Rueda explicou que falaron sobre a "forza da colectividade" galega, moi numerosa en Uruguai. O presidente da Xunta animou a manter viva a cultura galega e o patrimonio cultural e lingúístico que "enriquece tamén a cultura deste país". De feito, a seguinte parada na visita de Alfonso Rueda a Montevideo é a feira de emprego na que a Xunta de Galicia busca presentar á comunidade como "unha terra aberta, de oportunidades".
"Galicia que foi durante moito tempo terra de migración, pois agora esta Galicia potente, que se modernizou moitísimo nos últimos anos ábrese especialmente aos descendentes de galegos que tanto fixeron por construír Galicia, cando Galicia máis o necesitaba, ábrese para ofrecerlles oportunidades de emprego, de residencia a todos aqueles que estimen oportuno volver á terra dos seus antepasados", indicou. Dado que en 2027 volverá celebrarse un Ano Santo, o responsable do Goberno galego convidou ao presidente Orsi a que faga o Camiño de Santiago, como xa o fixo o presidente Mujica no seu momento. Sendo así tamén un dos miles de uruguaios que realizan a ruta xacobea; 5.000 o ano pasado coa Compostela retirada.
CASA GALICIA
Por outra banda, o presidente Rueda confirmou que falou co gobernante uruguaio sobre a situación da Casa Galicia, mostrando a súa intención de "continuar preservando" o legado cultural da asociación. Para iso, lembrou que a Xunta adquiriu determinados bens. "Xa outros temas de carácter asistencial, entendemos que son temas que teñen que ver co Goberno uruguaio e aí non podemos inmiscirnos. Non o fixemos durante todo o proceso e loxicamente agora con máis razón non facelo", aseverou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.