Novo cambio no organigrama da Xunta: Rueda controlará os datos do IGE

O presidente galego controlará os datos do seu executivo e prevé "privatizar" a súa xestión. O IGE pasará a depender da Oficina de Coordinación Económica. Unha reestruturación que chega tras o polémico informe sobre o uso do galego.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/03/2025 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

O histórico Instituto Galego de Estatística (IGE) pasará a ser controlado directamente polo presidente da Xunta. A Xunta acordou converter a Oficina de Coordinación Económica da Presidencia nun centro de datos que apoie á Administración galega na toma de decisións. O seu oxectivo, "mellorar as políticas e servizos públicos que se ofrecen na comunidade".

Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta
Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta | Fonte: Xunta de Galicia

A decisión chega logo dun polémico informe deste organismo no que se alertaba sobre a alarmante perda de galegofalantes o que provocou un numerosas reaccións en pleno debate sobre un pacto pola lingua. A polémica foi tal que obrigou á propia Xunta a encargar outro estudo a unha empresa privada, Sondaxe, dependente do grupo La Voz de Galicia, para tentar "suavizar" os datos do IGE.

Por iso, e tras un informe interno do Goberno galego, o gabinete de Rueda decidiu modificar o decreto de estrutura orgánica da Xunta para que o Instituto Galego de Estatística se adscriba á Oficina de Coordinación Económica da Presidencia. Ademais, crearase unha subdirección xeral de Coordinación, Estudos e Seguimento. Isto obrigará a licitar un contrato para que as empresas tecnolóxicas poidan ofrecer os seus servizos para centralizar, xestionar e explotar os distintos datos dos que dispón a Xunta. É dicir, o goberno galego ten a intención de "privatizar" tamén a xestión do datos públicos co obxectivo de tomar "mellores decisións políticas".

OS DATOS BAIXO O CONTROL DE RUEDA

"O que se pretende é que toda a información se concentre nun único departamento no que estea perfectamente clasificada e dispoñible, non só para a Administración, para tomar mellores decisións política, senón tamén para o público en xeral", respondeu a este respecto o vicepresidente da Xunta, Diego Calvo, presidente en funcións no Consello da Xunta deste luns pola viaxe de Rueda a Sudamérica. 

Deste xeito, a Oficina de Coordinación Económica terá capacidade para recompilar os datos existentes, ordenalos e mesmo amplialos para coñecer de forma precisa a realidade galega.

En paralelo, a Administración autonómica fomentará a innovación e a dixitalización na xestión de bases de datos e implementará novas ferramentas de análise e explotación da información que almacenan os diferentes departamentos. 

O IGE

O Instituto Galego de Estatística (IGE) era, ata o de agora, u organismo autónomo da Xunta de Galicia creado no ano 1988 e que se rexe basicamente pola Lei 9/1988 de Estatística de Galicia. Na súa misión de promover o desenvolvemento do sistema estatístico da Comunidade Autónoma presta servizos de recompilación e difusión da documentación estatística dispoñible, desenvolve bases de datos de interese público tales como referentes á poboación, nacementos, defuncións, densidade ou sobre aspectos económicos ou sociais, analiza as necesidades e a evolución da demanda de estatísticas e asegura a súa difusión.

Actualmente dependía da Consellería de Facenda, aínda que pasou por outros departamentos ao longo da súa historia. Calvo suliñou que a estruturación deste novo organismo non é nova e que, en todo caso, xa dependía do presidente porque na Xunta hai "unha estrutura piramidal". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta