Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2023 | Actualizada ás 10:49
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a convocatoria coa que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinará un total de 604.184 euros a impulsar a formación e información na prevención de riscos laborais e consolidar a cultura da seguridade, sobre todo entre pequenas e medianas empresas.
Serán beneficiarias desta orde asociacións sindicais e empresariais intersectoriais e sectoriais, fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención e asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, polo que permanecerá vixente ata o próximo 31 de novembro. A Xunta outorgará anticipos do 100 % para financiar accións desenvolvidas do 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de outubro de 2024.
Grazas a eses apoios, financiados con fondos estatais, as entidades recibirán achegas para desenvolver iniciativas de información e formación no cumprimento da normativa, a través do deseño de métodos e contidos para programas de prevención de riscos. No caso das organizacións intersectoriais, a maiores, financiaranse outras actuacións de asistencia técnica de carácter gratuíto. Neste caso dirixiranse ao estudo e resolución de problemas derivados da aplicación de medidas preventivas e estarán abertas a persoas traballadoras e/ou empresas.
Con esta iniciativa, o Goberno galego destaca que fomenta a prevención de riscos laborais co obxectivo de promover melloras nas condicións de traballo e elevar o nivel de protección, de seguridade e saúde laboral. As medidas diríxense principalmente ás pequenas e medianas empresas maioritarias na configuración do tecido produtivo. As axudas, financiadas con fondos estatais, súmanse ás convocadas este ano pola Comunidade con máis de 1,6 millóns.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.