Por E.P. | OURENSE | 08/11/2023 | Actualizada ás 19:01
O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, rubricou este mércores o contrato coa empresa Proyecon Galicia, S.A., por importe de 1.346.000 euros, para a execución das obras de renovación de canalizacións e acondicionamento da rúa Ourense no municipio ourensán do Carballiño.
O prazo de execución estímase en seis meses e o importe total suporá un investimento de 1.370.000 euros, incluída a redacción de proxecto e a asistencia técnica de Seguridade e Saúde.
No último tramo da rúa Ourense as conducións de evacuación de augas residuais e pluviais atópanse nun estado deficiente, polo que o Concello desta localidade solicitou a colaboración da Confederación Hidrográfica para mellorar o sistema de saneamento.
PROXECTO
As obras consistirán na execución de novas redes de saneamento e pluviais, así como na renovación das redes de abastecemento incluíndo, ademais, as reposicións do pavimento da vía, o mobiliario urbano e o axardinamento en todo o tramo que abarca uns 550 metros da rúa Ourense, entre as interseccións desta coas rúas Celso Emilio Ferreiro e 25 de Xullo, onde se proxectará unha miniglorieta.
"Desde a CHMS colaboramos coas administracións locais en beneficio do medioambiente e por un desenvolvemento máis sustentable", explicou o presidente.
As actuacións comezarán ao longo deste mes de novembro e teñen como obxectivo evitar verteduras recorrentes á canle e, polo tanto, mellorarán a calidade das augas e dos ecosistemas asociados ao río.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.