Máis de 200 actividades para o Culturgal entre 1 e o 3 de decembro no Recinto feiral de Pontevedra

En Pontevedra, Culturgal establecerá cinco escenarios: Literatura, Música, Artes Escénicas, Infantil e Arte.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 16/11/2023 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

A programación do Culturgal, "a feira das culturas galegas", inclúe máis de 200 actividades que se desenvolverán entre o 1 e o 3 de decembro no Recinto feiral de Pontevedra. O novo director do evento, Camilo Franco, presentou este xoves o programa da feira nun acto no que tamén participaron Víctor López, presidente de Culturgal, Jacobo Sutil, director de Agadic, Marta Fernández Tapias, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Demetrio Gómez, concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, e Natividade González, deputada de Cultura da Coruña.

Culturgal, destacaron durante a presentación, abre unha nova etapa con esta próxima edición na que se quere recoller o carácter plural do sistema e a oferta cultural de Galicia. Entre as novidades, a feira terá actividades en Vigo, na sede da Deputación de Pontevedra e baixo a denominación de Culturgal Expandido, os días 23 e 24 de novembro, con charlas sobre memoria histórica e sobre os Premios Xerais, recitais poéticos e actuacións musicais como a de Leilía.

En Pontevedra, Culturgal establecerá cinco escenarios: Literatura, Música, Artes Escénicas, Infantil e Arte. Organizaranse diversas iniciativas destinadas a que o público goce, xa que "a cultura galega dá moito para divertirse", segundo apuntou Camilo Franco. Por exemplo, haberá "conversacións no ascensor" da escritora María Lado que, durante o domingo 3, manterá conversacións no ascensor do Pazo da Cultura cos visitantes. Tamén se organizarán competicións libres de videoxogos e establecerase un espazo infantil con actividade permanente con servizo de gardaría.

LECTURA E POESÍA

Paralelamente, desenvolverase un encontro de máis de quince clubs de lectura de Galicia e concorrerán á feiral 12 galerías de arte galegas. Tamén será lugar de presentación do podcast de terror '13 Avisos. Historias para escoitar de noite', dirixido por Paula Carballeira, unha do tres premios nacionais que asistirán á feira, xunto a Yolanda Castaño e Xesús Fraga.

Nesta edición desenvolveranse diversos recitais poéticos con Helena de Carlos, Yolanda Castaño, Oriana Méndez, Marga Tojo, Doures Tembrás, María Lado ou Samuel L. Paris. E ofrecerase unha orixinal proposta de debuxo en directo con dispositivos electrónicos a cargo de profesionais da ilustración en Galicia como Kiko da Silva, Fran Bo, María Bren, Edi García, Miguel Robledo ou Laura Romeu.

Dentro do obxectivo marcado polos organizadores do Culturgal de achegar ao público os espectáculos, producións e novidades editoriais previstas para 2024, avanzaranse seis obras cinematográficas e o Centro Coreográfico Galego e o Centro Dramático Galego presentarán a programación prevista para o próximo ano.

 As entradas saen á venda anticipada a un prezo de 3 euros, mentres que no despacho de billetes custarán 5 euros. As entradas para menores con idades comprendidas entre 4 e 15 anos serán de 2 euros anticipadas e de 3 en despacho de billetes. O público interesado tamén terá a oportunidade de adquirir bonos familiares.

Pazo da Cultura de Pontevedra que acollerá o Culturgal
Pazo da Cultura de Pontevedra que acollerá o Culturgal | Fonte: Culturgal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta