Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2023 | Actualizada ás 14:53
Unha trintena de escolares do CEIP Quiroga Palacios gardaron un minuto de silencio na Praza do Obradoiro polos nenos, nenas e adolescentes vítimas en Gaza. Acompañados pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, antes de participar nun pleno infantil no consistorio, o alumnado do centro compostelán participou nesta iniciativa con motivo do Día Mundial da Infancia.
Entre os presentes neste minuto de silencio tamén estivo o presidente da Asociación Galaico Árabe Jenin, Sami Ashour, que denunciou "o xenocidio que está a exercer Israel contra a poboación civil en Gaza". "Non pode durar. Hai que paralo de calquera forma. Hai moitas persoas, moitos nenos e mulleres que están a perder a vida sen ningunha culpa", lamentou.
Ademais, sinalou que "non é certo" o que di o presidente de Israel de que "non hai inocentes na Franxa de Gaza". "Non é certo que son animais, non é certo que son responsables do que fai Hamás. Están a matar a nenos mulleres, anciáns, civís... Non teñen ningunha culpa", censurou. Así mesmo, neste Día Mundial da Infancia, Sami Ashour reprochou que están "a matar a toda a infancia" da Franxa, deixando a "máis dun millón de nenos sen teito, sen comida, sen medicamentos e, en definitiva, sen futuro".
Ante esta situación, pediu aos estados "que se din avanzados e civilizados" que "non miren a outro lado". "Hai que levantar a voz, non hai que ter medo a Israel. Os políticos sodes libres e soberanos; temos que dicir todos a verdade. Temos que dicir que hai que parar esta matanza que non ten ningún sentido", manifestou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.