Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2023 | Actualizada ás 11:08
A Confederación de Anpas Galegas pediu unha reunión á Consellería de Educación para tratar a atención á diversidade nos centros escolares e, en concreto, para demandar maior coordinación á hora de atender ás persoas que xa teñen recoñecido o dereito a esa atención.
Cre que "non ten ningún sentido" que unha familia teña que estar a explicar, "ano tras ano, docente tras docente, etapa tras etapa", cando, afirman, "o propio sistema debería de encargarse de que a atención ao alumnado con necesidades de apoio fose un camiño continuado, no que cada chanzo se apoie no anterior dunha maneira coordinada".
Nun escrito dirixido á Consellería, as Anpas sinalan que as familias están "fartas" de que sexa a propia administración educativa "o maior dos problemas" á hora de enfrontar a atención á diversidade". "Ben pola súa propia inacción ou falta de medios, ben pola falta dunha inspección proactiva para o efectivo cumprimento da normativa, ou ben simplemente pola enorme falta de formación do persoal dos centros educativos", manifestan.
Ante esta situación, demandan a Educación que se estableza un protocolo de actuación polo que o alumnado diagnosticado e informado "manteña a atención correspondente desde infantil ata a realización da ABAU "sen necesidade de que a familia necesite renovar máis información daquela que coyunturalmente poida cambiar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.