Yolanda Díaz consolida Sumar Galicia sen Anova, as mareas e con tensións con Podemos

Sumar non quere falar de "cotas" na nova coalición en Galicia e Podemos avisa que non dará un "cheque en branco". Yolanda Díaz quere tecer un amplo movemento no que xa están o ex alcalde Jorge Suárez e o vicesecretario da RAG, Henrique Monteagudo, pero non os nacionalistas de Anova e as mareas de Compostela Aberta ou Marea Atlántica. Os prazos van a contra dun acordo que deixe contentos a todos.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 04/12/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Sumar parece querer camiñar soa en Galicia. Un feito que pode traer graves consecuencias para unha futura coalición na que pretenden estar Esquerda Unida- Esquerda Unida (EU-IU) e Podemos. As diferencias van a máis, especialmente, tras a decisión do partido de Yolanda Díaz de parar o proceso para tentar sumar á máis actores políticos, sociais e culturais á promotora do movemento, especialmente, do campo nacionalista e municipalista.

Yolanda Díaz, á súa chegada á primeira reunión de Consello de Ministros da XV lexislatura.
Yolanda Díaz, á súa chegada á primeira reunión de Consello de Ministros da XV lexislatura. | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press

Esta decisión ten incomodado a Podemos que tanto en público, coma en privado, amosa xa a súa total oposición a como se está levando este proceso e amos as súas dúbidas sobre o que, realmente, quere facer Yolanda Díaz en Galicia. Este sábado, o seu voceiro en Galicia, Borja San Ramón aseguraba que levan semanas agardando por Sumar tras presentarlle unha proposta de coalición a tres; Sumar- Podemos Galicia e EU-IU, e pedía acelerar o proceso.

"Hai unha proposta sobre a mesa que consiste nunha coalición asinada ao 33% entre o tres forzas políticas, onde todas nos recoñecemos como iguais. Esta proposta está pendente de resposta por parte de Movemento Sumar e do seu coordinador desde hai semanas", sinalaba.

NON TOCA FALAR DE "COTAS"

A resposta chegaba este luns e non desde Sumar Galicia, senón desde Madrid. Era o portavoz deste partido Ernest Urtasun, quen aseguraba que agora non toca falar de "cotas", senón que hai que conseguir armar unha proposta política e un proceso participativo coa sociedade civil potente. "Non é o momento agora de empezar co tema das cotas, senón en envorcarse en que Sumar sexa todo un éxito en Galicia, que é no que están centrados co despregamento do proxecto organizativo", sinalaba.

Arquivo - A vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, participa na presentación do libro 'Rógovos en nome de Deus', do Papa Francisco, na Igrexa de San Antón, a 14 de decembro de 2022, en Madrid (España).. Alejandro Martínez Vélez - Europa Press - Arquivo
Arquivo - A vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, participa na presentación do libro 'Rógovos en nome de Deus', do Papa Francisco, na Igrexa de San Antón, a 14 de decembro de 2022, en Madrid (España).. Alejandro Martínez Vélez - Europa Press - Arquivo

"Eu diriálle ao compañeiro Ernest que do que non é momento é de marear as galegas e galegos. Todos os votantes de esquerdas do país saben que é momento de armar unha coalición, e as coalicións implican acordos e porcentaxes. Isto sábeo perfectamente, porque el mesmo participou na negociación da coalición do 23-X", lembráballe San Ramón 

En Podemos están convencidos de que Yolanda Díaz quere facer o mesmo que fixo xa coas eleccións do 25X, espaciar tempos para evitar que, finalmente, as formacións que toman parte das conversas neste proceso poidan artellar alternativas políticas diferentes. "Non hai nada pechado con Sumar", din en privado fontes deste partido que, ademais, amosan a súa preocupación pola "pinza" que Yolanda Díaz quere facer, novamente, en Galicia.

NON HAI "CHEQUE EN BRANCO"

Por iso, a formación de Ione Belarra quere evitar que se repitan escenarios e procesos das pasadas eleccións xerais. É unha urxencia inaprazable pechar un acordo canto antes e comezar dende xa a traballar para un Goberno de cambio e progreso en Galicia”, aseguraba este mesmo luns o voceiro de Podemos-Galicia. Lembraba que remitiron hai semanas un acordo integral de máis de 10 folios que inclúen unha proposta electoral completa para poñer en marcha unha coalición, un programa de mínimos e unha campaña electoral. "E levamos semanas sen recibir ningunha proposta", lamentaba.

Desta volta, Podemos non queren "deixar facer" e que "veña todo dado". Por iso, o propio líder en Galicia foi contundente a este respecto. "Non é razoable reperir o modelo das eleccións xerais ou das últimas eleccións andaluzas onde se esixa un cheque en branco para comezar a campaña electoral e despois pechemos os acordos políticos no último minuto". Un claro aviso aos de Yolanda Díaz.

Con todo, en Sumar restan importancia a estas adventencias e entenden que entra dentro do "xogo político". Contrapoñen o que fai Podemos co que fai EU-IU que evita facer públicas discrepancias a pesares de que o antigo partido de Yolanda Díaz urxía hai uns días a pechar xa unha coalición a tres.

SUMAR SACA PEITO DOS SEUS INSRITOS

O portavoz de Sumar, Ernest Urtasun,  destacaba este martes que están facendo un "esforzo" importante nese despregamento orgánico ambicioso e anunciou que Sumar conta con máis de 3.000 inscritos en Galicia. Uns inscritos que xogan, ademais, como punto de inflexión á hora de saber que peso teñen os distintos actores implicados, dando por feito que Podemos non pode esgrimir ese "músculo político". "Algúns deses inscritos son de Podemos", aseguran desde a formación morada. 

Urtasun insistía en que, o importante, agora, é o "proceso participación e de diálogo coa sociedade civil" porque están en "plena ofensiva en Galicia". Unha mensaxe semellante a trasladada polo presidente da  comisión promotora de Sumar Galicia , Paulo Carlos López, que apuntaba a un "amplo movemento" de personalidades dos sindicatos CIG, CC.OO. e UGT, ademais de referentes culturais, para representar "a pluralidade do espazo progresista" da formación. Todas elas contan coa "confianza" da líder do partido, Yolanda Díaz, quen supervisou a implantación da organización en Galicia e quen mantivo contactos directos cos promotores.

A "PLURALIDADE" DE SUMAR

Unha "pluralidade" que se facía pública este mesmo luns, xustamente cando máis álxidas son as diferencias con Podemos en Galicia,e na que están o ex alcalde de Ferrol Jorge Suárez  (de Ferrol en Común e militante de EU-IU) e o catedrático e o vicesecretario da Academia Galega Henrique Monteagudo, vinculado ao nacionalismo galego e no seu día dirixente de Compromiso por Galicia

Ademais do portavoz, Paulo Carlos López, estarán na promotora persoas moi afínas a Díaz como as deputadas galegas de Sumar --Marta Lois e Verónica Martínez Barbeiro--, os asesores do Ministerio de Traballo Manolo Lago (ex deputado tamén no Parlamento) e José Manuel Sande (ex senador e ex concelleiro de Marea Atlántica). Tamén están o ex secretario xeral de CC OO en Galicia, Ramón Sarmiento Solla; a responsable de LGTBI de UGT-Galicia, Laura García Parada; e a delegada sindical da CIG e activista do movemento feminista, Rocío Núñez Rúa (próxima a Marta Lois e que xa participou na campaña das xerais).

A PATA NACIONALISTA E MUNICIPALISTA

A pesar da fichaxe de nomes concretos con certa vinculación co nacionalismo como os de Paulo Carlos López ou Henrique Monteagudo, o do espazo localista como Jorge Suárez, o certo é que Movemento Sumar adoece de máis referentes no mundo nacionalista e municipalista das mareas. Nin Anova, nin Compostela Aberta, nin Marea Atlántica apoian esta nova formación nin participan oficialmente en ningún tipo de conversas.

De feito, o "parón operacional" de Yolanda Díaz foi, precisamente, para tentar captar para o seu espazo a referentes políticos destes movementos, entre eles, Martiño Noriega, algo que, polo momento, non fructificou e, segundo as fontes consultadas, é difícil que fructifique se non hai unhas condicións e compromisos claros por parte da vicepresidenta segunda, algo que, polo momento, non se dan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Dionisio

É a reina da punhalada; primeiro apunhalo a Beiras, que a quitou do ostracismo; agora a Ione Belarra. Sabe como esfaquear nas costas.