Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 20/12/2023 | Actualizada ás 22:00
Maré ‘a muda’, Estrela do Courel, Xoana de Toba e Nântia son As regueifeiras da Semente e están de xira co Regueifa Tour. Anotade a vindeira data: día 22 de decembro en Vila de Cruces. Pero que é isto? É unha xira de regueifa impulsado polo este grupo de regueifeiras adolescentes da Escola da Semente. En concreto, catro rapazas de entre 11 e 14 anos que se coñeceron nesta escola. “Iamos as aulas de regueifa no canto de ir a pandeireta ou gaita, e de aí vén o noso nome”, recoñece Maré ‘ a muda’ porque di que fala moito e por levar a contraria, despois de moitos nomes artísticos, quedou con ese.
A idea do Regueifa Tour foi de Séchu Sende: “Ata este momento regueifaban para nenos pequenos no ambiente da Semente e iso xa lles cansaba. O Regueifa Tour nace coa intención de regueifar para adolescentes, por igual en diferentes localidades”. Estarán en oito localidades de Galicia, catro do País Vasco e unha en Portugal nunha experiencia onde as Regueifeiras da Semente se unen con outros regueifeiros e regueifeiras nunha gala de improvisación.
VIAXAR COA REGUEIFA
Xa estiveron en Vilalba, no Courel ou en Vigo. “Xúntase como unha rede de regueifeiras por todo o país e permítelles experimentar un proceso de autoxestión nas viaxes, así como de promoción desta iniciativa”, comenta Séchu. Desta maneira estiveron en contacto con xente da súa idade nunha “festa de autonomía e de cultura”. Destes lugares xa visitados, Maré recoñece lembrar de xeito especial a parada no Courel. “Foi nunha taberna, que coñecía e gustoume porque podía regueifar vendo as caras e nun auditorio xa é máis difícil conseguir que nos poidan dar unha palabra ou participar”, explica. Nântia pensa o mesmo e pon en valor que lle gusta máis a proximidade sen estar de certa forma nunha “posición superior”.
Que lugar lles fai máis ilusión visitar? Téñeno claro e de xeito unánime, as regueifeiras din “Euskal Herria” aínda que sexan “sete horas en carro, é igual”, di Estrela. Para elas significa saír de Galicia e ir a un lugar novo, xa que en Portugal estiveron unhas cantas veces. Maré destaca que o que máis lle gusta de regueifar é precisamente a oportunidade de viaxar a sitios descoñecidos. Nântia valora que é unha forma de expresión de sentimentos “moi bonita” e Estrela responde claramente: “A min gústame todo de regueifar”.
CO GALEGO POR BANDEIRA
As Regueifeiras da Semente coñecéronse na Escola e recoñecen que esta paixón pola regueifa vén de tradición familiar, a excepción de Nântia. “Eu cheguei máis tarde ás aulas de regueifa e fóronme ensinando todo e logo sae”, explica. As galas do Regueifa Tour consisten en pór de manifesto esta expresión artística da improvisación en forma de coplas a través de diversos temas. “O que si que preparamos son os guións para presentar a gala”, comenta Maré que engade que o que máis lle gusta é o formato de historia no que cada unha vai dicindo un verso.
Cando van por aí adiante levan a regueifa e o galego por bandeira e atópanse con outras linguas como o portugués ou catalán en plena convivencia cultural. “A maioría dos meus amigas falan en galego, no instituto, diría que en Bacharelato se escoita máis, pero na ESO tamén”, asegura Nântia e Maré na mesma liña “todo o mundo fala galego”.
Nântia, Maré, Estrela e Xoana son inspiradoras e ante os prexuízos asociados co galego, teñen algo que dicir. “Eu diríalles que As Tanxugueiras falan galego”, di orgullosa Maré e Nântia recoñece que “seguramente haxa máis xente arredor que aposte polo galego sen ter en conta eses prexuízos”. Para non perder nada do Regueifa Tour está todo nas súas redes sociais, agora só queda escoitalas regueifar, non? Isto no Instagram e Tik Tok do Galicia Confidencial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.