Gómez Noya volve ao Mundial

O triatleta galego, despois da súa ausencia en Londres, busca afianzarse no liderado das Series Mundiais na sétima proba en Hamburgo, dous meses despois de vencer en Yokohama.

Por gcdeportes | Pontevedra | 17/07/2015 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

Hamburgo acolle este sábado (17.45h, TVG2) a sétima proba das Series Mundiais de tríatlon, coa volta de Javier Gómez Noya. Despois de mes e medio de parón, regresan as probas das Series Mundiais nun momento decisivo da tempada, co campión galego loitando por acadar o seu quinto título mundial.

Javi Gómez Noya, no momento da saída da auga.
Javi Gómez Noya, no momento da saída da auga. | Fonte: Fegatri

Gómez Noya chega a esta proba liderando a clasificación provisional do Mundial e despois do descanso que se tomou en Londres (última proba, na que non participou o galego). Neste parón, o deportista ferrolán decidiu competir no Europeo a pasada fin de semana, con moi mala sorte, xa que sufriu unha caída na bicicleta, tivo que cambiar unha roda e ademais sufriu un corte no pé. Deste xeito, haberá que ver en que condicións se atopa, xa que nos días seguintes estaba bastante doído.

Pola súa banda, o castelán Fernando Alarza, que adestra no CGTD (Centro galego de tecnificación deportiva) de Pontevedra, despediuse das Series Mundiais logrando a prata en Londres, o seu mellor resultado no Mundial, e na terceira posición da clasificación provisional do Mundial. Alarza agarda seguir loitando cos mellores nunha proba que encanta aos triatletas polo magnífico ambiente que se vive nas rúas.

A proba de Hamburgo disputarase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pé) e sen a presenza dos irmáns Brownlee, aínda que terá un altísimo nivel e Alarza ou Mario Mola, o francés Luis Vincent, Joao Silva ou Sven Riederer serán os rivais do triatleta galego.

As Series Mundiais contan este ano con dez probas: Abu Dhabi, Auckland, Gold Coast, Cidade do Cabo, Yokohama, Londres, Hamburgo, Estocolmo, Edmonton e Chicago (a gran final). Para a clasificación os deportistas suman os cinco mellores resultados, sendo obrigatorio participar na Gran Final, que conta cunha puntuación moito máis alta. Trala disputa das seis primeiras probas, Javi Gómez Noya ocupa a primeira posición con 3.507 puntos, mentres que o segundo clasificado é Mario Mola (2.979) e terceiro Fernando Alarza (2.961).

Hamburgo acollerá tamén a disputa do Campionato do Mundo de relevos mixtos, que terá lugar o domingo. Será a sexta edición desta especialidade, na que os triatletas (dous homes e dúas mulleres) realizarán un mini-tríatlon (300 metros de natación, 6,6 quilómetros de bicicleta e 1,6 de carreira a pé). Aínda non se coñecen os nomes dos integrantes dos equipos, que non se darán a coñecer ata o sábado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta