Que prefires en Nadal: comercio online ou de proximidade?

Estas datas marcan as tendencias en canto tipo de consumo e compras. O comercio de proximidade é máis próximo mais o electrónico resulta cómodo para as persoas. Aínda que as redes sociais poden axudar ao local mais é necesaria a súa dixitalización non só para promoción ou anuncios.

Por Moncho Mariño | Santiago | 24/12/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O confinamento pola COVID consolidou unha serie de cambios que se estaban producindo na sociedade como o comercio online. En apenas dous anos desenvolveuse toda a mercadotecnica e a tecnoloxía necesaria para aumentar o volume de venda online. Un paso que en teoría debera levar un lustro de desenvolvemento. As grandes plataformas como Amazon están dando unha serie de servizos cos que o comercio de proximidade non pode competir. Pola súa banda, o comercio de proximidade ofrece medidas como as de seguridade medioambiental fronte á loxística do primeiro. Porén, os representantes do comercio tradicional ou de proximidade apostan pola integración das novas tecnoloxías ao seu sector dentro dunha convivencia que todos e todas ven como inevitable.

Mercado de Nadal de Santiago, Mercado da Estrela
Mercado de Nadal de Santiago, Mercado da Estrela | Fonte: Hoteles.net

ADAPTACIÓN FRONTE AOS RETOS

Unha das primeiras alertas chegou dos Estados Unidos (EEUU). O país con maior número de metros cadrados de superficie comercial por habitante. A partir da segunda metade da década dos 2010 as vendas en liña foron incrementando o seu volume mentres que as superficies comerciais ían sentindo unha baixada lenta, mais paulatina, de clientela. De súpeto, a década de 2020 comeza cun confinamento mundial da poboación, non se pode saír á rúa, só para o imprescindible, entre iso, as compras. Ben, á parte das chamadas telefónicas aos supermercados, estes tamén ofrecían os seus servizos desde as súas webs, igual sucedía coas páxinas especializadas en venda de calquera tipo de produto.

Logo do confinamento e, no caso español, a pesar das axudas económicas gobernamentais, moitas tendas “de toda a vida”, comercio de proximidade ou tradicional, botaron o pecho. Por outra parte, a apertura dunha tenda física supón, desde hai tempo, un forte investimento. “As tendas non poden ser viables cando debemos afrontar custos de enerxía, salarios, servizos para recibir mercadorías e, por suposto, a fiscalidade que temos sobre nós” di José Ángel Blanco, xerente de Compostela Monumental.

Non obstante, José Ángel Blanco apunta que “o comercio tradicional sempre se adaptou aos cambios de hábitos”, aínda así, “non é correcto que aparezan promocións das plataformas e grandes superficies como por exemplo o Black Friday”. Sobre isto, Blanco describe que “neste Black Friday o produto está a un prezo que ao mellor se elevou con respecto ao que tiña días ou semanas atrás”. Ademais, “tamén en rebaixas se dá o caso de vender produtos cunha calidade inferior á que debera ter”. En tal caso, Blanco considera que é o cliente quen debe valorar a calidade do produto.

A Rúa Príncipe de Vigo, principal arteria de comercio desta cidade, ateigada polas compras de Nadal
A Rúa Príncipe de Vigo, principal arteria de comercio desta cidade, ateigada polas compras de Nadal | Fonte: minube.com

ADAPTACIÓN

“Debemos adaptarnos ás novas tendencias” di José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio. “Desde a Federación impulsamos unha web onde todos os comercios poden apuntarse, www.galiciacomercio.es” lembra José María Seijas. E é que a unión e a adaptación fai a forza. “Traballamos para que todos se sumen á web e ademais, o comercio debe ir ao sector online” ademais de permanecer no físico.

Tamén as diferentes administracións (local, provincial, autonómica, estatal) crean plataformas para o comercio tradicional ou de proximidade. “Isto trae que haxa diferentes plataformas e que só conten con tres ou catro comercios, e cada quen vai polo seu lado. O necesario é crear unha única plataforma” sentenza Seijas. En tal caso, o presidente da Federación insiste na necesidade de estar onde a xente quere e para o que quere, ter o produto diante da porta.

Chus Sánchez, xerente da Asociación de Comerciantes e Empresarios das Travesas de Vigo, AETRAVI, destaca unha grande característica: “o comercio de proximidade é un comercio de Pegada Cero en carbono porque os produtos son da zona, normalmente”. A xente pode desprazarse a pé até a súa tenda. “Evitamos todo o transporte loxístico que normalmente conleva unha venda online e as súas mercadorías”. A esta pegada cero en carbono, Sánchez engade tamén o trato personalizado á clientela desde o comercio de proximidade.

Sánchez sinala ademais a presenza deste comercio de proximidade nas redes sociais. “Temos asociados que venden a través de Instagram aínda que a maioría usa as RRSS para anunciar e promocionar”. Búscase así darse visibilidade na contorna máis inmediata mediante posts e vídeos. Sobre a adaptación, Chus Sánchez lembra o “híbrido” de tenda presencia máis tenda online, “por tanto xa nos estamos adaptando”.

A intención é a permanencia do comercio tradicional adaptándose ás novas demandas da sociedade, da clientela. A cuestión está en coñecer se ao final só algúns tipos de comercios de proximidade ou tradicionais se adaptarán ou todo el quedará desfasado. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta