No país dos ananos

Hai uns meses paseando por Vitoria Gasteiz notei algo familiar na praza dos Fueros: unha inmensa carpa branca ocupaba todo o espazo público. Deseguida me decatei de que os habitantes desa arquitectura efémera eran eles, galegos, ou sexa, nós. Xa for Turgalicia ou o Centro Gallego, sempre imos atopar unha perfomance canónica da galeguidade: autoridades locais, emprego monolingüe do castelán, miles de persoas papando mexillóns e polbo, hiperenxebrismo folklorizante, campionatos de tute e pasarrúas, xente de orde. No Centro Gallego de Gasteiz no vestíbulo, recibe ao visitante unha réplica a tamaño real do botafumeiro, inaugurado no seu día polo Deputado Foral de Araba.

Por Xurxo Ayán | Gasteiz | 30/07/2015

Comparte esta noticia
Este “habitus” obedece a unha ideoloxía determinada que reproduce punto por punto xente coma o Secretario Xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, a quen puidemos escoitar en abril na presentación do ciclo de cinema organizado polas leitoras da Facultade de Letras de Gasteiz. O despropósito discursivo deste señor alicérzase nunha longa traxectoria e podería servir de apéndice a unha nova edición daquela viaxe ao país dos ananos que denunciara Celso Emilio Ferreiro. “A ponla de alén mar é soio unha metáfora” escribía o poeta de Celanova. Non sempre foi así.
 
As comunidades galegas de América organizaron redes de axuda para recibir aos exilados republicanos. As autoridades mexicanas, chilenas, uruguaias, arxentinas… abriron as portas a estes demócratas derrotados. Como xa antes as abriran para que voluntarios combatesen a prol da República, non só nas Brigadas Internacionais senón tamén nas Milicias Gallegas. O proxecto de censo de brigadistas que está levando a cabo o arqueólogo Carlos Marín no Uruguai é bastante claro a este respecto. O galeguismo democrático nos centros galegos americanos tivo que loitar arreo contra a ofensiva das embaixadas da ditadura franquista. Aínda en 1954 a Sociedade Unión do Partido de Lalín colocou no seu centro de Bos Aires unha placa conmemorativa dos afusilados nesa bisbarra galega. O recoñecemento internacional do rexime franquista, a chegada dun novo ciclo migratorio e o proceso de desactivación política e folklorización instigado entre outros por Manuel Fraga no tardofranquismo foron as tres variables que axudan a explicar este modelo cultural da galeguidade no exterior, tan do gusto da dereita galega.
 
Daquel exilio republicano non fica absolutamente nada. A día de hoxe, as novas e non tan novas xeracións de emigrantes galegos en América movénse sen problema no eido da intoxicación informativa e na xenreira cara todo o que sone a política, é dicir, todo aquilo que poña en dúbida o status quo. Vou poñer dous exemplos que o resumen todo.
 
Nunha reunión festiva hai unas semanas fun testemuña da seguinte conversa. Un banqueiro galaicovenezolano pregunta con sorna: 
 
-¿No seréis de Podemos?
 
-Non, somos do Bloque.
 
-Ah. Bueno, entonces vale.
 
Até hai dous anos o Bloque podía ser visto coma o demo pola plutocracia. Arestora é considerado un partido de orde en comparanza coa Maré.
 
Segundo exemplo. Antonte recibín a seguinte mensaxe privada ao meu blogue. Un comentario procedente de México, un país que tampouco ten xa nada que ver con aquel México ao que El-Rei agradeceu a súa axuda aos republicanos españois (manda truco):
 
“Me da gusto leer en gallego, mi lengua nai, desde aquí de Mexico les mando un saludo a miña terriña, por desgracia llevo muchos años lejos pero seguimos siempre los noticieros de la televisión de la terriña, Antena 3, Television 5, Television Española Desde el Presidente Franco ustedes tienen un bello país conzervenlo y no lo dejen en manos de socialistas ni comunistas miren no más lo que pasa en Venezuela saludos desde Zacatecas!!”

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA