Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 15/01/2024 | Actualizada ás 19:55
A Audiencia Provincial de Ourense realizou un novo sorteo para elixir a cinco membros do xurado para o xuízo polo crime de Nerea Añel, a moza de 26 anos que foi achada morta en Barbadás en setembro de 2020, ante o elevado número de escusas. Conforme informaron fontes xudiciais, actualmente hai 20 candidatos, polo que se podería iniciar o xuízo pero, en previsión de que poida xurdir calquera incidencia (como que algún poida enfermar) e evitar a suspensión de xuízo, a Audiencia autorizou nun auto un novo sorteo de cinco candidatos. Este levouse a cabo o pasado venres.
En concreto, o xuízo está sinalado para o próximo 19 de febreiro e serán 11 os integrantes do xurado que asistan ás sesións, nove como titulares e dous como suplentes. Con todo, o primeiro día de vista é necesario que acudan un mínimo de 20 candidatos, que deberán someterse ás preguntas das partes para comprobar a súa idoneidade.
Nerea Añel desapareceu en Ourense a mediados de xaneiro de 2020, a súa familia viuna por última vez a noite de Reis. O seu cadáver foi localizado en avanzado estado de descomposición oito meses máis tarde, en setembro do mesmo ano, nunha aldea abandonada do Concello de Barbadás. A análise do corpo descartou as causas naturais e confirmou a morte violenta da nova. Por estes feitos, foi detido o noivo da nova, para o que a fiscalía pide 14 anos de prisión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.