Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 24/01/2024 | Actualizada ás 11:13
Sete persoas foron arrestadas en Boiro, Portugalete e Madrid, este martes, relacionadas cun cargamento de 1.400 quilos de cocaína intervido o pasado mes de agosto nun barco pesqueiro cando se atopaba amarrado no porto de Camelle, no municipio coruñés de Camariñas.
Segundo informan fontes xudiciais, non está previsto que os detidos pasen este mércores a disposición xudicial. As detencións das últimas horas súmanse á do home arrestado o pasado mes de agosto, días despois de ser interceptado o pesqueiro 'Novo Furuno', supostamente implicado nunha operación de transvasamento de cocaína realizado en alto mar, e do patrón do buque, que se produciu o pasado 30 de novembro.
O 'Novo Furuno', que ten porto con base na localidade da Costa da Morte de Camelle, é un pesqueiro de casco de madeira de 12,6 metros de eslora, que foi dado de alta no rexistro do Ministerio de Pesca en xuño de 1997.
Os axentes interceptaron o barco na contorna do porto de Santa Mariña sobre as 20,00 horas do mércores 8 de agosto de 2023. O dispositivo contou coa participación do Grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado (Greco), da Unidade de Droga e Crime Organizado (Udyco) da Policía Nacional, así como de Vixilancia Aduaneira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.