Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2024 | Actualizada ás 14:44
A Real Academia Galega (RAG) e PuntoGal convocaron a sétima edición do seu concurso de microrrelatos. O certame repartirá nove premios ás mellores historias dun máximo de 200 palabras, tres por cada unha das categorías: infantil, xuvenil e adultos.
Os relatos poderán presentarse entre o 1 e o 29 de febreiro a través da páxina web relatos.gal. Así o comunicaron, este mércores na Fundación Luís Seoane da Coruña, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e o coordinador de Luzes, Lois Alcaide, revista que colabora no certame.
"É xa unha iniciativa consolidada que está a permitir visibilizar novas voces das nosas letras e que anima a moitas outras a aproveitar, desde a infancia, todo o potencial de expresión e enriquecemento persoal que ten a escritura", destacou Freixanes, durante a presentación. Na mesma liña, Janeiro, explicou que este concurso é "como un espello no que se reflicten as preocupacións tanto das persoas adultas como dos escritores e escritoras máis novas".
O certame repartirá premios tecnolóxicos e relacionados coa lectura, segundo explicaron os organizadores. Parte dos galardóns inclúen, ademais, un dominio .gal durante un ano e todas as persoas gañadoras verán publicadas as súas historias na Rede, así como editadas na versión impresa de Luzes xunto ás finalistas. "A revista volve reafirmar, deste xeito, o seu compromiso como medio de comunicación coa expresión e a escritura en lingua galega", indicou Alcayde.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.