Os arxentinos buscan nas criptomoedas un respiro para conter a inflación e non perder os seus aforros

Como xa sucedera coa guerra de Ucraína, ante graves crisis financieiras, a poboación colle medo de que os cartos perdan o seu valor e, para tratar de evitalo, o mundo das criptos é unha boa alternativa.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 30/01/2024 | Actualizada ás 21:20

Comparte esta noticia

O 'boom' das criptomoedas semella que xa decaeu un pouco na nosa sociedade europea. Sen embargo, hai noutras partes do mundo onde estas están máis en auxe que nunca. Seguramente esteades a pensar nos Estados Unidos. E, aínda que non vos equivocades, hai outros países onde as criptos aínda teñen máis importancia, e ese é o caso de Arxentina, onde a moeda de uso común, o peso, ten unha volatilidade que é insostible de manter no día a día. Alguen que cobra hoxe un salario pensa que ten un poder adquisitivo, pero, á semana seguinte, este xa baixou estrepitosamente. Hai que sinalar que no ano 2004 un peso arxentino equivalía a 30 céntimos de euro, mentres que hoxe en día non chega nin de lonxe a un céntimo (0,0011) --no 2015 un peso eran máis ou menos 10 céntimos de euro; no 2016, caeu a 6 céntimos; no 2017, a 5; e no 2020, a 1--. Como se pode vivir así, cunha inflación anual superior ao 100 %? Pois moitos arxentinos atoparon a solución, precisamente, nas criptomoedas.

Criptomoedas
Criptomoedas | Fonte: Arquivo

Antonino Comesaña, vicepresidente da Asociación Galega de Blockchain e IoT (Agalbit), explica que dende a propia asociación gardan unha estreita relación con xente de Arxentina e de Venezuela, e "cóntannos os problemas que teñen cada día coa inflación". Coas cousas como están, e non sendo esto algo novo, senón que xa vén de tempo, "aprenderon a intercambiar os seus cartos por criptomoedas". E, como apunta Comesaña, "non só o fan os máis novos, senón que mesmo hai avoas de 80 anos que saben manexar á perfección as criptomoedas". Pois non lles queda outro remedio, "porque se cobran a pensión e non saben reconvertila ao momento, poden perder en dous ou tres días un 40 ou un 50 % do valor que ten", indica. 

Pero ese cambio non se fai a calquera criptomoeda. Por exemplo, o bitcoin, a máis famosa, ou o ethereum, son algunhas das posibilidades de cambio, pero só se se está pensando nunha inversión. Pola contra, a maioría da poboación, que quere usar eses cartos, cámbiaos por 'stablecoins', que como explica o experto de Agalbit, "son criptos vinculadas ao dólar, como o USDT", de tal xeito que "eles convirten os pesos a esas criptos vinculadas aos dólares cando os cobran e, automátimente, xa saben que teñen dólares", unha moeda moito menos volátil e máis estable que o peso arxentino. De aí que as criptomoedas en Latinoamérica esperten moita máis inquietude entre a poboación que a que pode haber en España ou no resto de Europa, onde se asimilan a un fondo de inversión.

Un informe recente realizado pola consultora Sherlock Communications atopou que ao redor do 2,94 % da poboación arxentina posúe criptomoedas de xeito oficial, isto é, 1,3 millóns de arxentinos. Pola súa banda, o Blockchain Latam Report 2023 realizou unha enquisa entre a poboación que arroxou uns resultados sorprendentes: un terzo dos arxentinos confía en que as criptomoedas poden mitigar a inflación. Así, as inversións en criptos como medio para protexer os activos da inflación e a inestabilidade financieira foron as opcións seleccionadas polo 32 % dos enquisados latinoamericanos, e por un 37 % de arxentinos. A enquisa tamén revelou que un 19 % dos arxentinos consultados xa se atopa invertindo en criptomoedas na actualidade. E xa hai voces que neste xaneiro de 2024 destacan que a poboación arxentina xa tería máis de 100.000 millones de pesos en criptomoedas, aínda que non hai rexistros fiables que así o poidan certificar, pois esta cantidade non tería rexistro ante a Administración Federal de Ingresos Públicos (AFIP), é dicir, non estaría declarada.

UCRAÍNA TAMÉN FIXO USO DAS CRIPTOMOEDAS AO COMEZO DA GUERRA

O ultradereitista da Arxentina Javier Milei
O ultradereitista da Arxentina Javier Milei | Fonte: LPL - Arquivo

Máis aló de Arxentina, e botando a vista atrás, as criptomoedas tamén tiveron un papel moi relevante na guerra de Ucraína, pois dende as primeiras horas do conflicto, o goberno ucraíno abriu direccións e carteiras de criptomoedas que lle permitiron recibir directamente estas divisas centralizadas. Calquera persoa en posesión de criptomoedas podía envialas a estas direccións. Chegáronse a recaudar máis de 100 millóns de dólares (ao cambio) polo goberno ou polo 'Fondo cripto para Ucraína', creado pola principal plataforma ucraína do sector, Kuna, e despois fusionada coa carteira gubernamental. Con eses fondos, usados como donacións, podíanse mercar dende racións para os soldados ata chalecos antibalas.

Pero tamén hai que dicir que para Ucraína, cando estalou a guerra, o mundo das criptos non era nada novo, porque segundo a Universidade de Cambridge, Ucraína xa era o cuarto país do mundo con maior adopción de criptomoedas na súa economía. E segue escalando postos, xa que a poboación teme que, como sucede en Arxentina, os bancos rematen na bancarrota e os seus aforros se devalúen, polo que prefiren convertelos a 'stablecoins' e asegurarse de que terán sempre o valor do dólar. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta