Que facer e como denunciar as compañías que seguen chamando para vender o que sexa

As chamadas constantes por parte de empresas comercializadoras seguen a importunar ás persoas. Isto a pesar da Lei Xeral sobre Telecomunicacións, un intento de eliminar estes contactos que moitas veces poden estar chegando ao límite de invadir a nosa intimidade. Por iso é necesario ter coñecementos básicos sobre procedementos e ferramentas para evitar a intromisión destas chamadas no día a día.

Por Moncho Mariño | Santiago | 29/02/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O uso do márketing telefónico é outra das áreas que se prestan ás ciberestafas, sobre todo en campos como facturación da luz, telefonía e, o máis perigoso, en servizos de banca. Se durante décadas chamaban aos nosos terminais cada día e case a calquera hora, desde o 29 de xuño de 2023 quedaban prohibidas as chamadas comerciais feitas por “empresas radicadas en territorio español”. E aí estaba a trampa pois pasados uns meses as chamadas continuaron chegando baixo números ás veces de procedencia española e outras non. Ademais deste punto, existen outros que permiten a estas empresas actuar sen moitos impedimentos legais.

Telemárketing
Telemárketing | Fonte: Facebook


TEMORES FUNDADOS
Desde a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) analizan a actual situación arredor das chamadas comerciais destacando que “sabiamos que isto podería pasar”. Pasado un tempo da aprobación da Lei Xeral de Telecomunicacións 11/2022 do 28 de xuño que incluía a prohibición das chamadas comerciais desde territorio español, as chamadas volveron. “Unha norma que queda nun enunciado apuntando o noso “dereito a...” é unha norma matizable porque lle pon excepcións ás cousas” di Miguel López de UCGAL.

UCGAL considera que son dúas cousas diferentes a prohibición de vender para determinados sectores, por exemplo o eléctrico, con idependencia de que teñan o noso consentimento ou non e outra as chamadas desde calquera outro sector con finalidade comercial. A norma prohibía facer contacto de calquera tipo se non había “consentimento previo”. Mais o consentimento previo cedémolo os consumidores moitas veces só con premer o comando “ACEPTAR” en calquera web. “Nunca lemos a política de privacidade e cando prememos 'aceptar' a maioría das veces estamos autorizando ceder os nosos datos a terceiros” resalta López.

Neste punto tamén coincide Sol Vázquez do Instituto Galego de Consumo (IGC), en que se se accede aos nosos datos é por “cuestión da letra pequena dun contrato e tamén cando se merca un produto como unha smart TV, un elemento que para funcionar necesitamos introducir os nosos datos, mesmo cun enderezo electrónico”.

Se se produce unha cesión de datos entre diferentes empresas estamos diante dun tráfico de informacións persoais, mais é legal. “Sempre que aplicamos nun contido gratuíto, ese contido non é realmente gratuíto” apunta Vázquez. O prezo a pagar é o acceso dunha empresa aos nosos datos cando engadimos o teléfono ou un enderezo electrónico “ e aí debemos mellorar”.

QUE FACER?
A maioría das veces as persoas non coñecemos as diferentes vías para desfacer unha contratación feita quer sen o noso consentimento quer sen sermos conscientes de maneira plena de estarmos contratando un servizo. “Se isto é así, temos catorce días para desfacer calquera tipo de contrato establecido por teléfono ou Internet” recorda Vázquez. En calquera caso, a mellor opción é a máis doada, negarse a aceptar calquera contratación por teléfono aínda que sexa dunha empresa de nome recoñecido. “Debemos cortar a chamada e logo chamar nós ao número da empresa que figura nas facturas ou nos documentos do contrato”.

Isto último, destaca Vázquez, é para evitar o uso dos buscadores de Internet, pois as empresas externalizadas de telemárketing están posicionadas nos primeiros lugares do buscador baixo o nome da empresa principal. “Se se fai unha chamada ao número que figura en Internet é moi probable que se cargue o prezo da chamada na factura que nos veña”.

Ante a insistencia das chamadas, a día de hoxe só queda reforzar o non consentimento. “Podemos ser parte das chamadas Listas Robinson. Introducimos os nosos datos e de maneira xeral, a inmensa maioría das empresas saberán do noso desexo de non sermos contactados” di López.

Por outra parte, tamén está facer valer o noso dereito “para que non nos chamen e deixar constancia desta acción mediante a gravación da conversa, desta maneira, se volven chamar podemos presentar unha denuncia en Protección de Datos”.

Doutra banda, debemos ser conscientes tamén que segundo o tipo de publicidade ou contratación, os organismos onde reclamar son diferentes. No caso de estafas bancarias sería mediante unha denuncia na Policía, se é unha reclamación nun restaurante os organismos serían outros, Turismo neste caso. Con todo, moitos dos organismos oficiais carecen de competencias abondo para atender as reclamacións dos usuarios. Por iso Miguel López remarca a “necesidade das organizacións de consumidores” para a tramitación das reclamacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta