Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2024 | Actualizada ás 18:26
O popular José Manuel García-Margallo enviou o 27 de maio de 2016, cando era ministro de Exteriores durante o Goberno de Mariano Rajoy, unha carta ao por entón presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Junker, na que lle advertía que publicar o informe da Axencia Ferroviaria Europea crítico coa investigación oficial realizada polo Estado español sobre o accidente do tren Alvia en Angrois (Santiago) --no que houbo 80 falecidos e máis dun centenar de feridos en xullo de 2013-- afectaba a "intereses nacionais".
O medio praza.gal revelou esta misiva, que se suma á xa coñecida que o 26 de maio de 2016 enviara á por entón ministra popular de Fomento, Ana Pastor, á que era comisaria europea de Transportes, Violeta Bulc, na que advertía da "especial gravidade" de facer público o informe que cuestionaba a investigación oficial --a realizada en España pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF)-- e que alertaba do incumprimento da normativa de seguridade ferroviaria.
Precisamente, esta carta de Margallo fai referencia a esa misiva de Pastor e deixa claro a Juncker que o tema é de "máxima importancia" para o Goberno central co Partido Popular á fronte. "Estaríalle moi agradecido se puidese dar alta prioridade a este asunto", indica o texto.
En declaracións a Europa Press, o presidente da Plataforma de Vítimas Alvia 04155, Jesús Domínguez, reprobou que Margallo buscase "evitar que saíse á luz o informe da Unión Europea que desmontaba a verdade oficial de que o maquinista era o único responsable e que o accidente non era de alta velocidade".
"Demostra unha vez máis a hipocrisía e o cinismo dos nosos gobernantes, como xa pasou no seu día con Ana Pastor, mentres publicamente dicían que se comprometían persoalmente a saber o que pasara aí e para que unha traxedia non volvese suceder", censura. "Eles o que facían era traballar por todo o contrario, porque a eles o que lles interesa, como di na carta, é que o asunto lles afecta aos seus intereses e aos intereses nacionais", recrimina Domínguez sobre o proceder dos ministros populares do Goberno de Mariano Rajoy.
Lamenta que "os 80 mortos, os 140 feridos, lles daban igual, e a verdade tamén". Insiste en que con esta carta de Margallo a Juncker demóstrase " o cinismo e a hipocrisía" os gobernantes do PP. "E 11 anos case despois da traxedia seguimos sen a investigación técnica independente que pedía a Unión Europea nese informe que, por todos os medios, Ana Pastor e Margallo e todo o Goberno de Rajoy querían ocultar", sentencia o portavoz das vítimas do Alvia.
O informe da CIAF concluía que o maquinista era o único responsable do sinistro. Tras varios peches e reaperturas do caso, a instrución xudicial terminou con dous imputados: o maquinista e o exjefe de seguridade na circulación de Adif. Ambos sentaron no baquillo nun xuízo que quedou visto para sentenza e está pendente de que se coñeza o fallo nos próximos meses.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.