Por E.P. | | 23/02/2024 | Actualizada ás 20:31
O pleno da Deputación de Ourense, o primeiro tras as eleccións autonómicas, levaba este venres na súa orde do día a modificación da relación de postos de traballo (RPT) da institución, unha proposta que saíu rexeitada polo 'non' de todos os grupos da oposición-- PSdeG, BNG e Democracia Ourensana (DO)--, tendo en conta que o PP non conta con maioría absoluta.
Foi a primeira vez na lexislatura que DO, o partido do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, impide co seu voto que os 'populares' saquen adiante unha proposta no organismo provincial. Cabe lembrar que o PP revalidou a presidencia da Deputación --que pasou de Manuel Baltar a Luís Menor-- grazas a un acordo polo que DO facilitaría que gobernase a lista máis votada.
Tanto o Partido Socialista como o Bloque Nacionalista Galego explicaron no pleno que votarían 'non' porque xa se está redactando outra relación de postos de traballo actualizada, mentres que Democracia Ourensana non interveu no punto.
Con todo, si fixo referencia ao mesmo o líder da formación, Perez Jácome a través da súa conta de X (antes Twitter), onde publicou: "No pleno da Deputación non se aprobou unha modificación da RPT porque PSOE, BNG e DO votamos en contra. É o que ocorre cando crees que tes maioría absoluta, sen tela, e non queres falar co resto de grupos".
O seu comentario únese ao que na propia sesión plenaria, aínda que nun apartado anterior, defendeu o deputado de DO, Rafael Cachafeiro, que deixou caer que non pedisen apoios na Deputación cando o Partido Popular non apoiaba temas importantes no Concello.
XEFE DO PARQUE MÓBIL
Así pois, non saíu adiante unha modificación que incluía a creación de novos servizos como un de asesoramento xurídico e asistencia a todos os concellos da provincia "de todos os signos", e tamén as modificacións dentro do parque móbil.
Neste contexto, a modificación propuña reformular o posto de xefe do parque móbil, xustificando que no momento actual se limitaba soamente a funcionarios e polas súas funcións "está perfectamente xustificado que persoal laboral desas categorías pode desempeñar ese posto".
A modificación presentouse cos informes legais preceptivos e favorables na Mesa Xeral de Negociación e "recibira a aprobación de forma unánime e sen obxección por parte dos sindicatos", segundo a Deputación.
O pleno provincial comezou cun minuto de silencio polas vítimas do incendio de Valencia e tamén coa toma de posesión de Antonio Fernández Martín, do grupo de Democracia Ourensana, e Emilio Luís Díaz, por parte do Partido Socialista, para substituír aos dous deputados que renunciaron ao seu escano para presentarse ás autonómicas.
Entre as propostas aprobadas está a actualización de inventario de bens da Deputación, que ascende a 1.869.914.986 euros. Tamén se probou inicialmente a modificación do Regulamento Orgánico, co que se regula o desenvolvemento normativo da organización e funcionamentos dos órganos políticos da institución; así como o Plan de Cooperación Provincial de Obras e Servizos Municipais e da rede viaria provincial para o exercicio do 2024, ao que a través do Plan de Cooperación destinaranse 17 millóns de euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.