Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/02/2024 | Actualizada ás 20:27
A CIG-Saúde acusou ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) de destinar "un millón de euros ao mes" para favorecer a sanidade privada cun incremento dos salarios dos facultativos que, ademais de prestar os seus servizos na pública, traballan na privada.
Nun comunicado, o sindicato sostén que a Xunta, a través da orde de confección de nóminas do 2024, incrementa o salario do persoal facultativo que traballa na pública e na privada, ao aumenta o seu soldo nun valor equivalente ao 80% do complemento específico que ata agora só retribuía a dedicación exclusiva na sanidade pública. Segundo sinalou a central sindical, o custo desta medida será dun millón de euros ao mes, un diñeiro de todos os galegos e galegas que "tería que destinarse a financiar a sanidade pública", pero que con esta decisión se utilizará para "favorecer os intereses" da privada. Con estas partidas, conforme apunta a central nacionalista, poderíanse reforzar os cadros de persoal, reducir as listas de espera e mellorar a calidade asistencial na sanidade pública.
Ao tempo, a CIG critica o feito de que a modificación do complemento específico só se lle vai a aplicar ao persoal estatutario facultativo do sistema público de saúde, tal e como se recolle nesa orde, co que, segundo sinala, "discrimínase a outros colectivos profesionais con salarios próximos ao salario mínimo, que se verán obrigados a renunciar ao complemento específico completo no caso de compatibilizar o seu traballo na pública e na privada".
O sindicato considera que a dedicación exclusiva é positiva para o sistema sanitario público e que debe ser mantida e potenciada como unha forma de retribuír aos profesionais que opten por ela, polo seu compromiso de só traballar na sanidade pública.
Por iso, defende que a dedicación exclusiva na sanidade pública debe retribuírse de forma adecuada, xa que facilita que o persoal médico do sistema sanitario público dispoña de máis tempo para a súa actualización profesional e, sobre todo, permite evitar o potencial conflito de intereses que se orixina cando un médico/a de a sanidade pública traballe tamén na sanidade privada. "Este conflito de intereses é especialmente evidente cando falamos de postos de xefatura", finalizan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.