Por E.P. | A Coruña | 21/03/2024 | Actualizada ás 20:26
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, animou, no acto conmemorativo do Día Mundial da Síndrome de Down, a "traballar cada día pola inclusión e a igualdade de oportunidades".
Down Galicia elixiu este ano o Teatro Jofre de Ferrol para a celebración da súa gala do 21 de marzo, coincidindo co 30 aniversario da asociación Teima Down, da que o presidente provincial destacou o seu traballo durante ese tres décadas en campos como a atención temperá, a inclusión educativa ou o fomento da vida autónoma.
Na súa intervención, Formoso chamou tamén a unirse ao lema proposto este ano polas Nacións Unidas, 'Acabar cos estereotipos', e convidou, neste sentido, a "descartar ideas preconcibidas que só levan a infravalorar e excluír".
Por outra banda, a deputada provincial Soledad Agra abordou con alumnado do IES Rosalía Mera o papel da muller na sociedade e a súa evolución desde os últimos anos, como escenario final da campaña 'Mulleres do pasado, semente de futuro', levada a cabo pola área de igualdade da institución con motivo da conmemoración do 8M.
Así se puxo o broche final a unha actividade intergeneracional que consistía en que o alumnado de diferentes centros educativos entrevistasen as súas avoas, co obxectivo de provocar unha reflexión conxunta entre ambas as xeracións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.