O incendio de Rois, "intencionado": "Se non se actuara rápido, sería terrible, estaba no Barbanza"

O alcalde, Ramón Tojo (PP), apunta á "intencionalidade". "Case cada ano repítese na mesma zona, un pouco máis abaixo, un pouco máis arriba", afirma.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2024 | Actualizada ás 11:20

Comparte esta noticia

O alcalde de Rois, Ramón Tojo (PP), apunta á "intencionalidade" do lume que arrasa un centenar de hectáreas no municipio. "Case cada ano repítese na mesma zona, un pouco máis abaixo, un pouco máis arriba", afirma.

En declaracións a Europa Press, o rexedor sinala que "o dirán os expertos", pero "todo o mundo apunta" á "moi mala intención" de alguén para plantar lume, declarado na tarde do luns na parroquia de Leroño, próximo á estrada AC-301, "preto do anoitecer" e nunha xornada de vento "terrible". Observa que os incendios se repiten "nunhas parroquias moi coincidentes: pode ser Herbogo, pode Leroño, pode ser Augasantas... Pero están aí, unha desgraza".

Sobre a evolución do lume, fala de que está "controlado" esta mañá de martes e os equipos de extinción traballan "sobre puntos pequenos". Valora a "actuación rápida" da Xunta ante un lume cun operativo no que participaron unhas 180 persoas, catro avións e cinco helicópteros, entre outros medios. Asegura que, se non se actuara con esta prema, o lume "sería terrible" e estaría "no Barbanza". Tamén agradece o labor "encomiable" da Garda Civil.

O incendio chegou a queimar un transformador no lugar de Fufelo, na parroquia de Buxán, o que deixou a veciños sen luz, "un momento un pouco angustioso", aínda que xa se repuxo. Tamén no lugar do Faro pasouse "moito medo" por parte dos veciños porque o lume "pasou preto". Igualmente, "practicamente onde se iniciou", na Pereira, parroquia de Herbogo, "pasou moi rápido" o incendio próximo ao cortello dun veciño.

Así mesmo, Ramón Tojo explica que sobre a 1,00 da madrugada a intensidade do aire levaba restos de árbores ardendo "a máis dun quilómetro" de distancia, o que fixo que saltasen ata a zona de eólicos. "Esta xente que expón facer dano trata de facelo no momento oportuno e hai moitas vidas en xogo", advirte.

Un avión de extinción de incendios traballa na extinción do incendio iniciado en Boiro do ano 2022
Un avión de extinción de incendios traballa na extinción do incendio iniciado en Boiro do ano 2022 | Fonte: César Arxina - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta