Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2024 | Actualizada ás 15:05
Tras o aval do Tribunal Constitucional á Lei do Litoral de Galicia, a Xunta pretende actuar con "máxima axilidade" e "impulsar de inmediato a aplicación efectiva" desta norma, para o que aprobou este luns un calendario de pasos e volveu a reclamar ao Goberno central "o traspaso dos medios humanos e materiais necesarios para poder realizar unha xestión efectiva do litoral desde Galicia".
Así o dixeron tanto o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, na rolda posterior ao Consello da Xunta que aprobou o calendario de pasos necesarios para desenvolver esta norma. "Estivemos moitos meses parados sen razón e inxustamente. Por tanto, agora o que procede é recuperar ese tempo perdido e pór en marcha todo o necesario para que se poidan desenvolver as competencias recoñecidas na Lei do Litoral", dixo Alfonso Rueda.
Ángeles Vázquez, pola súa banda, lembrou que a lei foi aprobada no Parlamento galego en xullo de 2023, "sen ningún voto en contra", polo que, co aval do TC, a galega convértese "na primeira comunidade en regular, por lei, a xestión de toda a súa franxa costeira, incluído tamén o mar territorial". O primeiro que se fará desde a Xunta, indicou a conselleira, é pedir ao Goberno "os medios humanos e materiais" necesarios para "poder realizar unha xestión efectiva do litoral desde Galicia", unha "das primeiras cuestións" que ocupará á nova directora de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Legal. Vázquez xa avanzara no Parlamento esta reclamación.
O desenvolvemento desta norma, explicou a conselleira, require "contar cos profesionais suficientes para que realicen múltiples tarefas", como, por exemplo, tramitar as concesións en dominio público marítimo terrestre. Para estas concesións, ademais, a Xunta regulará o procedemento e creará "un rexistro sobre os títulos expedidos", unha ferramenta "de nova creación", dado que "ata agora o Goberno central actuaba con plena opacidade".
Ademais, Ángeles Vázquez explicou que o desenvolvemento da lei require da creación de "órganos específicos", como unha Comisión de Coordinación do Litoral, para pór en contacto a todos os departamentos implicados na materia. "Ao mesmo tempo, crearemos o foro do litoral de Galicia, con presenza dos distintos sectores implicados na costa", avanzou a conselleira.
A Xunta aposta por redes e asociacións para transmitir coñecemento no ámbito do mar e por medidas para avanzar na planificación do litoral: "desde seguir colaborando cos grupos de acción costeira ata impulsar e aprobar o crecemento sustentable dos sectores vinculados ao mar", dixo Vázquez, en referencia á estratexia de economía azul.
Finalmente, a conselleira lembrou que a lei tamén inclúe medidas para "pór en valor os 2.500 quilómetros de costa" que ten a Comunidade, coa creación dunha rede de carreiros costeiros e dun catálogo de bens culturais do litoral, así como dunha rede de establecementos turísticos. "En definitiva, trátase de garantir o equilibrio entre a conservación do litoral e as actividades socioeconómicas arraigadas e propias do litoral", finalizou Ángeles Vázquez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.