Un ser totémico subalterno que non entendía de diglosias. A casualidade quixo que uns kilómetros de mar adentro nós mesmos atoparamos os máis vellos vestixios óseo de can descubertos en Galicia, concretamente na punta de Neixón, no Castro Grande. Daquela o maxistral debuxante Pepe Carreiro creara un personaxe novo para a serie “Os barbanzóns”: o can de Neixón, prototipo castrexo do can de palleiro de toda a vida.
Nos movementos de resistencia contra o Poder o campesiñado sempre identifica de cheo ao inimigo. A francesada deu lugar a un fenómeno curioso na nosa terra, chantando o costume de alcumar os cans da casa cos nomes dos xenerais napoleónicos. Por estes lares trunfaron sobre todo os Ney e os Soult, até hoxe, alomenos na Terra de Lemos e Quiroga onde os galos gravaron a lume o seu paso por vilas e aldeas. Os labregos (sabedores do refrán que di “ante papeis calan barbas”) aproveitaron o caos para queimaren os arquivos feudais, botándolle a culpa aos franceses.
Antes da guerra civil a chegada das novas ideas políticas tamén tivo o seu reflexo no batizo de animais. Daquel extinto espírito revolucionario remaneceu un nome de moito éxito tamén entre os cans de palleiro: Trotsky. Tamén os da vista baixa, os marraos, por formaren parte da casa, tamén gozaban de nome de seu. O meu tío, en homenaxe a Ratzinger, chamou a un “Benedito”, e a verdade aquel non dera bos xamóns, sería polo aquel de matinar de máis en teoloxías.
Os ecomovementos, a vida urbana e o conceito de mascota semellan alonxar de nós esa idea anterga dos animais domésticos, duns seres que gañaban o pan e a consideración traballando na casa coma o que máis xa for co gado, velando a cancela ou oubeando aos xabaríns nas xornadas de casa. Tamén queda lonxe aquel enfoque despeitivo e insultante, segundo o cal se equiparaba a persoa odiada cun animal, a poder ser un can. Este vello exercicio, propio das sociedades premodernas, mantense nunha unidade militar española fundada por psicópatas no Marrocos ocupado. Abondan as fotografías e os testemuños dos desfiles dos lexionarios coas testas penduradas de rifeños abatidos pendurando das baionetas. Unha tradición coma outra calquera.
Teño case corenta e pensei que nunca vería unha cousa así na TVE. O telediario réndese ao Día nacional e escolle declaracións de bos españoles, de xente nova que cre no Reino de España; unha rapaza duns vinte anos declárase española con orgullo e considera unha obriga asistir ao desfile. Outro rapaz, mistura de Agag e pequeno Nicolás, dinos que os seus preferidos non son os Lego, os Playmobil ou os Madelman, non, os seus prefes son os lexionarios.
No Reino de España elíxese o aniversario do asasinato de Companys para que vaia declarar ao xulgado o President. No Reino de España o ministro do Interior considera o alcalde de Cádiz e a alcaldesa de Barcelona como adalides do “indigenismo cultural”. No Reino de España os lexionarios batizan con nome de “Pablo” á súa cabra-tótem.
O Reino de España está cheo de cabróns, abofé.