Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 04/05/2024 | Actualizada ás 10:30
A D.O. Valdeorras, na conta atrás para a celebración da XXV edición da Feira do Viño, vén de anunciar que Xavier Fortes, presentador e xornalista de moda na televisión pública, será o pregoeiro.
A lectura do seu pregón terá lugar o sábado 1 de xuño pola mañá, na Praza de Viloira e inmediatamente antes da inauguración oficial do foro no que, previsiblemente participarán representantes institucionais de diferentes administracións.
Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Navarra, Fortes --que é natural de Pontevedra-- leva moitos anos vinculado profesionalmente a TVE, se ben antes desenvolveu a súa carreira en Radio Nacional de España. Na actualidade é un dos rostros máis relevantes dos espazos informativos da televisión pública.
“Estamos expectantes por escoitar o pregón de quen, sen dúbida, é un dos xornalistas galegos máis recoñecidos en todo o país”, sinala o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Ramón Rodríguez Castellanos, ao respecto da elección de Fortes como pregoeiro.
O programa de actividades da XXV edición da Feira do Viño de Valdeorras, que este ano se adianta a xuño, darase a coñecer proximamente nunha rolda de prensa conxunta na que participará o presidente do Consello Regulador xunto ao alcalde do Barco de Valdeorras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.