Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2024 | Actualizada ás 11:38
Recursos de Galicia (RDG) e Galenergy chegaron a un acordo para o desenvolvemento de enerxías limpas, para impulsar o autoconsumo verde e abaratar a factura a familias e industrias; así mesmo, pactaron construír novas renovables e reservar un 15 % do accionariado desas instalacións para a incorporación de concellos e outros socios locais.
O acordo marco inclúe tanto instalacións xa autorizadas como de futura tramitación e, co fin de "avanzar no camiño da descarbonización", contribuíndo a maximizar o impacto positivo da mesma no territorio e as persoas, prevé que RDG e Galenergy concreten unha carteira de proxectos compartidos "o máis ampla posible".
Actualmente Galenergy promove nas provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra parques eólicos cunha potencia total de 187 MW. De ser o caso, as partes constituirán unha serie de 'sociedades vehículo' para pór en valor os activos que resulten de interese compartido. As magnitudes desta operación están suxeitas a unha 'due diligence' que levará a cabo en próximos meses.
Nesas instalacións, RDG faríase cun 20 % da propiedade e Galenergy conservaría o 80 % restante; ademais, priorizando a Galicia interior, ambas as empresas prevén deseñar e executar infraestruturas de xeración renovable de nova promoción. Nos accionariados destas (que poderán ser de tecnoloxía eólica ou fotovoltaica) Galenergy posuiría un 50 %, RDG un 35 % e o 15 % restante reservarase para a entrada de concellos e outros axentes da contorna.
Igualmente, RDG e Galenergy realizarán estudos de viabilidade para implementar modelos escalables de autoconsumo verde no mercado doméstico, en industrias estratéxicas illadas e en polígonos empresariais. O obxectivo é que veciños e empresas poidan aforrar custos enerxéticos. Esta alianza foi subscrita polo presidente de Galenergy, José Núñez García, e polo conselleiro delegado de RDG, Emilio Bruquetas, no Museo do Pobo Galego (o mesmo lugar onde se constituíu Recursos de Galicia a finais de 2023).
NEGOCIACIÓNS CON OUTROS OPERADORES
Ademais do acordo con Galenergy, RDG mantén "negociacións avanzadas" con outros operadores do mercado e está aberta a calquera proxecto de calquera promotor, sempre que estean aliñados coa política enerxética, ambiental e industrial de Galicia e encaixen no seu obxecto social. "Temos capacidade para acompañar a todos os proxectos que compartan a nosa visión", remarcou Bruquetas.
Recursos de Galicia, sociedade participada nun 30 % pola Xunta de Galicia, ten un plan estratéxico que, para 2024, inclúe pechar a participación en activos renovables cunha potencia instalada lixeiramente superior aos 300 MW.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.