Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2024 | Actualizada ás 13:11
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, recoñeceu este xoves que hai "certo debate social" en relación ao uso de computadores nas aulas, aínda que apuntou que o programa da Xunta E-dixgal é "un modelo híbrido" que combina as novas tecnoloxías con "o libro tradicional" e que, en todo caso, os centros asúmeno "de maneira voluntaria".
Preguntado polos medios de comunicación achega do debate xerado nalgúns centros sobre a necesidade de volver a un modelo educativo máis tradicional, o conselleiro destacou que o modelo E-dixgal, que "leva funcionando máis de 10 anos en Galicia", é "un modelo híbrido, onde non só hai ordenador, se non que se combina con métodos analóxicos tradicionais".
Para a Xunta, apuntou, é "básico que os alumnos teñan competencias dixitais", aínda que "isto non implica que non se usen métodos de ensino máis tradicionais", como "o caderno, o lapis e o libro". "Sempre foron complementarios, sempre houbo un modelo híbrido", destacou.
O conselleiro de Educación, que lembrou que este programa participan uns 620 centros, engadiu que se trata dun "modelo voluntario" no que cada curso "hai altas e baixas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.